top of page

Noia Portus Apostoli B-CD Lugo Sala: primeira batalla por un posto na final

-O cadro filialista recibe ao CD Lugo Sala este sábado a partir das 18:30 horas, no encontro de ida das semifinais do PlayOff de ascenso a Segunda B.


-Entrada gratis para os socios do club, a prezo de 3€ para os non socios.


Nova rolda, novos desafíos, pero mesma meta: continuar co soño. Despois de superar ao Valdesuso Peugeot Vilalba FS nos cuartos de final, o Noia Portus Apostoli B medirá forzas co grande favorito ao ascenso a Segunda B, o CD Lugo Sala, nas semifinais do PlayOff.


Noieses e lucenses batiranse no primeiro duelo da serie sobre o parqué do Municipal Agustín Mourís, que hai unha semana xa vibrou cos seus e que este sábado terá que ser máis que nunca o sexto xogador para tentar levar o mellor resultado posible a Lugo.


Os albivermellos finalizaron o seu concurso na primeira fase do campionato como líderes do Grupo A, con 30 puntos en 14 xornadas. Nos cuartos de final deste PlayOff, os de Félix Julio superaron ao ADFS Bueu por un global de 12-9, colleitando a vitoria por 2-6 en Bueu e a derrota 6-7 no choque de volta.


Estes números, máis o ascenso que xa acariñaron o curso pasado ao caer por penaltis diante de A Estrada Futsal no partido decisivo, outorgan claramente a etiqueta de favorito a un cadro que visitará Noia por segunda vez na súa historia.


Non será un encontro calquera. Ambos bloques saben da importancia de comezar esta penúltima estación da fase de ascenso co pé dereito e teñen a motivación de alimentar este desafío. Pero só un contará coa fortaleza plena da súa afección, na primeira batalla de corenta minutos por un posto na gran final.

bottom of page