top of page

Noia Portus Apostoli B-Club del Mar: mirar ao fronte

Despois das dúas últimas caídas en Liga e en Copa, o filial noiés proponse continuar o camiño partido a partido para medir as súas opcións de escalar postos. O primeiro deses duelos lévao a recibir ao Club del Mar (domingo 1, 12:30 horas, Pavillón Alonso Rodríguez).


A derrota ante Concello de Begonte deixou moi tocadas as posibilidades de buscar o ascenso, e a honrosa caída contra Pontedeume FS acabou a primeiras de cambio co camiño copeiro. Non podía chegar en mellor momento esa semana de parón e de descanso mental e físico para os xogadores filialistas, que se conxuran agora para afrontar o que resta de campionato pensando no máis inmediato.


Iso é o Club del Mar San Amaro, un equipo coñecido para os brancos nos últimos anos xa dende o seu periplo na Primeira Galicia. Os coruñeses non atravesan precisamente unha boa racha, xa que dende decembro non coñecen a vitoria, con tres derrotas e dous empates como resultados máis recentes, que o deixan na 11ª praza con 19 puntos.


Para Bruno, xogador noiés, preséntase un partido complicado “como son todos”, mais seguro de que “se xogamos como nos últimos dous partidos, loitando todos os balóns, vamos a ter moitas posibilidades de deixar os tres puntos en Noia”. Dous choques nos que os noieses fixeron “todo o que puidemos para gañar” e deixárono todo na pista.


Despois deses tropezos, deixándoos o primeiro deles lonxe do ascenso, Bruno desvela que no vestiario non mirán máis alá deste domingo. “Plantexamos gañar esta fin de semana, sen máis por agora”, afirma, pero aínda con ilusións a longo prazo, “xa veremos nas últimas cinco, catro ou tres xornadas” se hai opcións.


Todo preparado para un envite inusual para os noieses, xa que actuarán como locais nun horario e nun pavillón estraños, o que Bruno pensa que “non debería afectarnos” máis alá de que “toca madrugar algo máis”.

コメント


bottom of page