top of page

Noia Portus Apostoli B-CP Casás: volta a casa co sexto triunfo seguido en mente

Primeiro partido do cadro filialista como local no ano 2020, ao que chega nunha racha de cinco vitorias consecutivas, recibindo a un CP Casás co que intentará manter a vantaxe na clasificación logrando a sexta (domingo 26, Municipal Agustín Mourís, 19:00 horas).

O filial durante un tempo morto en Santa Isabel

Hai case un mes que estrenabamos o novo ano, pero non será ata este 26 de xaneiro cando o Noia Portus Apostoli B regrese ao seu feudo inexpugnable, un Agustín Mourís no que non coñece a derrota en partido, facéndoo ademais nunha xeira de resultados formidable.


“A verdade é que si, estamos nun bo momento e o ambiente do grupo é peza fundamental para que estemos a ese nivel”, afirma o xogador do bloque noiés Rafa, que recoñece as ganas de volver a actuar como locais: “na casa sempre temos ese plus de motivación, sabemos que a nosa casa a temos que defender a morte e por agora estamos facendo dela un fortín”.


O rival que esta fin de semana intentará romper esa perfecta dinámica será o CP Casás, noveno con 16 puntos. O cadro lucense, a pesar de non coñecer o triunfo como visitante desde novembro, é un conxunto a ter en conta, xa que como recén descendido da Terceira acumula experiencia e que, enganchando unha boa xeira, pode mirar cara arriba.


“Temos o obxectivo de estar arriba e mirar ao ascenso de cerca”, asegura con confianza Rafa, “e se queremos conseguilo temos que sacar os puntos primeiro contra os equipos que están cerca nosa ou incluso por debaixo”, sabedor de que ante eses equipos “é onde se perden ligas ou obxectivos”.


O encontro que protagonizaron ambos equipos en Lugo, na primeira volta, foi un dos máis sonados e recordados no vestiario noiés, debido ao abultado resultado de 9-11 favorecedor aos nosos. Sobre ese partido Rafa expresa que “na primeira volta sufrimos bastante na faceta defensiva”, polo que “se estamos mellor en defensa e seguimos mantendo ese ritmo goleador, faremos un gran partido” co que agardan que “sexa un partido de tres puntos para nós como na primeira volta”.


A nivel máis persoal, para Rafa esta está a ser a súa primeira temporada no club, no que está “moi contento, temos un moi bo ambiente entre nós e incluso co entrenador, acolléronme moi ben dende o primeiro día, e iso fai que disfrute xogando e o pasemos ben na pista, que é o fundamental”. Como desexo para o que resta de curso, Rafa declara que “espero que poida aumentar aínda máis o ritmo e mellorar pouco a pouco no xogo para seguir aportando o máximo que poida ao equipo”.

bottom of page