O cadro filialista pon un impasse á competición ligueira para disputar os oitavos de final da Copa Preferente Autonómica, que os enfrontará ao FS Pontedeume (domingo 16, 19:00 horas, Municipal Agustín Mourís).
Ilusións renovadas para o Noia Portus Apostoli B coa chegada dun novo torneo que abre esperanzas. Por méritos propios os brancos gañáronse o acceso a esta Copa Preferente Autonómica ao chegar cuartos posicionados na Liga no momento de corte. Desta forma, o seu rival nesta primeira ronda será o inmediatamente clasificado e un vello coñecido para o equipo noiés.
Dende a Primeira Galicia se levan vendo as caras noieses e pontedeumeses, protagonizando esixentes choques atractivos de ver para o afeccionado. O precedente deste curso sorrí na pista aos brancos, que pasaron por riba dos rivais por un claro 5-1. Porén, nunha competición distinta no que un mal momento pode acabar con todo, ninguén sabe o que pode suceder.
O que si é unha certeza é o forte que se mostra o cadro de “Juve” como local, un factor que estará do seu favor este domingo. Tan só unha derrota na cancha acumulan os brancos esta temporada, a recentemente sucedida ante os líderes Concello de Begonte nun espectacular e polémico encontro.
Como visitantes seis son os triunfos que, pola súa parte, suman os de Pontedeume, cuartos clasificados no torneo ligueiro por riba dos nosos, o que vén a ser outro exemplo do disputado que se prevé o partido antes do seu comezo.
A concentración durante os corenta minutos será un aspecto chave para loitar polo pase de ronda, xa que cada fase negativa durante o partido pode custar caro aos de “Juve”. O técnico contará con todos os seus efectivos dispoñibles para este encontro no que tanto el como os seus xogadores agardan contar, unha semana máis, co incondicional apoio dos seus na grada do Agustín Mourís.
Comments