top of page

Noia Portus Apostoli B-Insuas do Miño Rábade FS: novo compromiso importante para o filial

Volve a enfrentarse o cadro branco a un conxunto con aspiracións na zona alta da táboa (domingo 17, 18:00 horas, Agustín Mourís), na xornada dez da Preferente Autonómica – Grupo Norte.


Acción de xogo durante un adestramento do filial

Outra semana máis, o Noia Portus Apostoli B regresou a casa de baleiro, aumentando a racha a catro partidos sen sumar como visitante. Afortunadamente, o Municipal Agustín Mourís está resultando ser un paraíso de puntos, no que de momento acumulan catro triunfos en outros tantos encontros disputados.


Esa boa forma como local ponse a proba este domingo cun esixente “exame” ante o terceiro clasificado da competición, o Insuas do Miño Rábade FS, conxunto recén descendido da Terceira División que despois de comezar en plenitude, con cinco vitorias nos cinco primeiros encontros da temporada, tan só sumou cinco dos últimos doce puntos posibles, colocándose agora nesa posición de bronce da táboa con vinte puntos, mentres que os noieses son sétimos con quince.


“A clasificación non minte, así que agardo un encontro difícil, no que vamos a ter que suar para conseguir os tres puntos”, afirmaba o capitán do filial noiés, Manu Lorenzo, que ampliou que “confío nas nosas aspiracións, máis diante da nosa afección”.


Tres puntos que se poñen en xogo no Municipal noiés e que, baixo a visión do xogador branco, son “moi importantes se queremos estabrecernos na zona alta da táboa” ao tratarse dun rival direto, ademais despois dunha derrota ante un rival desas mesmas características, nun choque no que “o plan que plantexamos non nos saíu e acabamos pagando os erros defensivos e de pouca experiencia que cometemos”, declaraba.


Sobre esa mala dinámica a domicilio que define este inicio de curso do Noia Portus Apostoli B expresou que “é algo que no vestiario procuramos arranxar, porque eses puntos acábanse notando co paso das xornadas”, co que “só queda seguir traballando nos adestramentos para demostralo despois neses partidos”.


Polo momento, queda volver a confiar na fortaleza do Agustín Mourís, que, para os intereses dos noieses, se agarda que continúe vixente despois do partido deste domingo ás 18:00 horas entre Noia Portus Apostoli B e Insuas do Miño Rábade FS.

bottom of page