top of page

Noia Portus Apostoli B-Pabellón EDO Sala Ourense: ao ecuador con tres puntos importantes en xogo

Despois da súa última vitoria en Bueu, o filial pecha o primeiro tramo desta fase inicial de campionato coa opción de presentar candidatura aos postos punteiros do Grupo B da Terceira División.


Moi importante cita a que se lle presenta ao Noia Portus Apostoli B este domingo 14 no Municipal Agustín Mourís. A partir das 18:30 horas, a porta pechada, os de Daniel Ventoso veranse as caras co Pabellón EDO Sala Ourense. En disputa, tres puntos que poden comezar a cimentar unha realidade de mirar máis cara arriba que cara abaixo, xa no ecuador da primeira fase do Grupo B da Terceira División.


Porén, no vestiario branco saben que esa meta basease en ir partido a partido, minuto a minuto, empezando por esta fin de semana. Visitará Noia un conxunto ourensán con necesidades de sumar puntos para o seu casilleiro. Cinco posúen actualmente, con tres derrotas nos tres últimos partidos, polo que a consigna dos visitantes será a de retornar as boas sensacións de cara á segunda volta.


Con dez puntos e terceiro clasificado, o Portus Apostoli B afronta a primeira das oportunidades de demostrarse capaz de loitar cos mellores do Grupo B da categoría e, de paso, ir poñendo máis pedras para construir o camiño do seu principal obxectivo, que non é outro que o da salvación.

bottom of page