top of page

Noia Portus Apostoli B-Restaurante O Korreo Guitiriz: o filial quere seguir gañando

O filial volve ao Agustín Mourís para a disputa da terceira xornada da Preferente Autonómica – Grupo Norte, na que recibirán ao Restaurante O Korreo Guitiriz FS (domingo 29, 19:00 horas).


Imaxe do último adestramento da semana

Dúas xornadas e dúas vitorias para o Noia Portus Apostoli B nos primeiros compromisos ligueiros da temporada. Un inicio formidable, perfecto incluso en canto a termos de puntos, que os xogadores do cadro branco ansían seguir prolongando este próximo domingo.


O filial noiés, conxunto máis goleador do campionato tras estas dúas primeiras datas, recibe a un dos cinco que aínda non lograron estrear o seu casilleiro de puntos. O Restaurante O Korreo Guitiriz FS chega a Noia despois de caer por 7-4 ante o Club del Mar e sucumbir no seu primeiro envite como local por 2-7 fronte o Concello de Begonte FS.


Aínda que a situación na táboa clasificatoria a día de hoxe indica desigualdade, os precedentes entre ambos equipos son bastante parellos, tendo en conta os choques da temporada pasada. No encontro da primeira volta, os noieses caeron como visitantes por 5-1, “vingándose” no da segunda cun triunfo por 4-0.


Nesta ocasión, o cadro branco tomarase este partido como unha oportunidade máis de seguir sumando puntos e manterse unha xornada máis invicto e no alto da clasificación, mentres que os amarelos tentarán dar a sorpresa para alonxar as pantasmas que poden supoñer estar outra data máis sen sacar o cero da súa puntuación.


Os de “Juve” xa coñecen a convocatoria dos doce xogadores que se enfrontarán este domingo 29 de setembro a partir das 19:00 horas ao conxunto guitiricense no Agustín Mourís, cos cinco sentidos postos nos tres puntos.

bottom of page