top of page

Noia Portus Apostoli B-Troula Betanzos: despedir o ano gañando posicións

O filial noiés afronta o seu último compromiso de 2019 coa posibilidade de avanzar postos na táboa se gaña. Diante terá a un Troula Betanzos que llo poñerá difícil (domingo 15 de decembro, 19:00 horas, Municipal Agustín Mourís).


Péchase o 2019 de forma competitiva para o Noia Portus Apostoli B este próximo domingo, recibindo no Agustín Mourís a un rival directo, como así mostra a táboa clasificatoria. O Troula Betanzos sitúase na quinta praza con 23 puntos, dous máis que os noieses, que son sextos.


Na pasada xornada os brancos recobraron a alegría fóra da casa, logrando o seu primeiro triunfo como visitante desde setembro, mentres que os betanceiros viviron a sensación contraria, ao caer por primeira vez despois de sete partidos consecutivos sen coñecer a derrota.


Coa motivación de romper a mala racha lonxe de Noia chegan os brancos, unha vitoria que “dá moita moral para afrontar este próximo partido”, en palabras do gardameta Martín Oliveira, que afirma que “precisabamos romper esta mala dinámica” que estaba a empañar o que el considera “a nivel xeral unha boa temporada, no alto da táboa e sen perder aínda na casa”.


Unha xeira que pretenden aumentar este domingo ante un Troula Betanzos que “ten moi bo equipo, non me sorprende que estén arriba”, afirma Martín, que ademais agarda “un partido disputado, agresivo” que desexa que “co apoio da afición esperemos conseguir os 3 puntos para acabar ben o ano e irnos con boas sensacións”.


Da mesma forma que o porteiro quere facer de forma persoal. Martín admite que “este ano teño unha grande competencia”, mais recoñece estar “tranquilo” e convencido de que “con traballo terei as miñas oportunidades”. Un dos desexos que pide para o vindeiro 2020, xunto outros máis ambiciosos como “o ascenso, penso que podemos facelo” e outros que seguro se cumplirán como “que a afección non falle”.

bottom of page