top of page

O CD Lugo Sala, rival nas semifinais polo ascenso do Portus Apostoli B

-Os de Daniel Ventoso crúzanse co cadro lucense, campión do Grupo A na primeira fase, na segunda rolda do PlayOff de ascenso a Segunda B.


-O encontro de ida disputarase este sábado ás 18:30 en Noia, e o de volta unha semana despois no Municipal de Lugo.

O plantel filialista continúa coa ilusión e o soño camiño ás semifinais (foto: Pichero)

O Noia Portus Apostoli B xa pensa, despois do emocionante partido de volta contra o Valdesuso Peugeot Vilalba FS saldado co pase de rolda, en preparar nesta semana de adestramentos as semifinais do PlayOff de ascenso a Segunda B, que os enfrontará ao CD Lugo Sala.


Os lucenses, que veñen de derrotar ao ADFS Bueu por un global de 12-9 (2-6 na ida en Bueu, 6-7 na volta en Lugo), son o principal favorito ao ascenso. Despois de quedarse a un paso da Segunda B o curso pasado, ao caer a penaltis no partido decisivo contra A Estrada Futsal, esta campaña finalizaron primeiros do Grupo A, con 30 puntos en 14 partidos (9 vitorias, 3 empates e 2 derrotas).


Dous precedentes históricos entre os adestrados por Félix Julio e o Noia Portus Apostoli B, ambos da temporada 2018/2019 e con vitoria axustada dos albivermellos (2-4 en Noia e 4-3 en Lugo).


Co factor cancha favorable aos lucenses pola súa mellor clasificación na fase regular, o encontro de ida disputarase este sábado ás 18:30 horas en Noia, mentres que o Municipal de Lugo acollerá o choque de volta unha semana máis tarde.

Comentários


bottom of page