top of page

O filial acaba o ano sabendo sufrir (8-4)

Importante triunfo do Noia Portus Apostoli B antes do parón de Nadal, o que afrontan como quintos clasificados despois de superar ao Troula Betanzos FS.



O 2019 competitivo terminou con sorriso para o Noia Portus Apostoli B, que foi quen de sumar tres puntos nun partido que parecía ter encamiñado ao descanso pero no que tivo que sufrir ata case o final do mesmo.


A primeira metade foi case na súa totalidade do cadro branco, que propoñía sobre a portería do Troula Betanzos FS e contaba con ocasións para abrir o marcador case dende o pitido inicial dos colexiados.


Os intentos terían recompensa no minuto oito co 1-0 por parte de Loren, que cun disparo forte ao primeiro pau batía ao porteiro visitante para desafogar as tensións. Tan só un minuto se demoraría en chegar o 2-0, esta vez cun remate de Sergio Quílez para definir á rede un saque de esquina.


A pesar da vantaxe que tomaran os noieses, o Troula Betanzos non quería renderse e buscaba tamén a portería de Chaky con balóns interiores ao pívot que puideran poñer en apretos aos de “Juve”.


Porén, nunha xogada de saída de presión visitante Sergio Quílez estaría atento para apretar en primeira liña e convertir o pase do rival nun roubo que supoñía o 3-0, encamiñado o minuto catorce do primeiro acto.


Coa vantaxe de tres tantos e unha sensación de control do partido noiés chegaba o tempo de retirarse a vestiarios.


Descanso, Noia Portus Apostoli B 3-0 Troula Betanzos FS


A tranquilidade coa que podían afrontar os noieses o segundo tempo viuse abaixo moi cedo. Despois dunha primeira clara ocasión que puido ser o 4-0, chegou o 3-1. Un contragolpe rápido por parte do Troula terminaba en Carlos Curros superando a Chaky e devolvendo as esperanzas aos seus, sen contar aínda un minuto da reanudación. E apenas sen tempo para reaccionar, un novo ataque fugaz dos visitantes acababa en Pablo García anotando a porta vacía e traspasando os nervios ao banco local.


Asomaba máis a cabeza o Troula, máis confiado que na primeira metade, despois de anotar os dous tantos. Nunha desas xogadas un dos rivais chocaba con Chaky, nunha acción na que os colexiados non sinalarían falta pero que deixaba mancado ao gardameta local, que aínda así continuaría baixo os postes.


Nada puido facer Chaky cando os betanceitos anotaban o 3-3, no minuto 28 de xogo. Miguel Fernández finalizaba ao segundo pau o que se convertía no gol das táboas a algo máis de dez para o final.


Unha situación comprometida para os noieses e de máxima motivación para o Troula, que de novo daría un volco en escasos segundos. Nun saque de esquina, Sergio Quílez enviaba unha volea precisa ao fondo das redes para devolver a iniciativa ao seu equipo.


Tivo oportunidades o filial para pechar o encontro, mais os visitantes demostrarían que non ían a dar o brazo a torcer, e no 31’ Pablo Fernández anotaba o cuarto dos seus que volvía a deixar o partido totalmente aberto.


Nunha decisión valente, “Juve” decidía introducir o xogo de cinco a sete minutos do final, con Rafa como porteiro-xogador. Deulle sorte a camiseta ao xogador noiés, xa que no 35’ sería o que, a pase de Diego Pérez, finalizaba unha das accións de superioridade do seu equipo á rede da portería visitante.


Un gol que cambiaba as tornas, cos betanceiros tendo que arriscar a súa portería co xogo de cinco. O que para o Noia Portus Apostoli B foi bo, para o Troula supuxo o cravo final. Nun balón que terminaba solto no medio campo, Sergio Quílez aproveitaba para poñer de novo dous goles de vantaxe e dar un respiro á súa afección.


Foron segundos nos que o filial fixo dor no equipo visitante, sobre todo no apartado de faltas que acabou por levar a Loren aos dez metros. O toledano, non obstante, fallaría o seu disparo, pero encontraría redención no minuto 38, roubando un balón en primeira liña na defensa do porteiro-xogador e anotando a pracer.


Non sería o último gol da tarde-noite, xa que Sergio Quílez si sería quen de convertir desde os dez metros, despois dunha sétima falta que supuxo a expulsión por doble amarela ao betanceiro Pablo Martínez. Sen moita máis acción, os colexiados sinalaron o final do encontro con vitoria noiesa.


Final do partido, Noia Portus Apostoli B 8-4 Troula Betanzos FS


Tres puntos que firman o terceiro triunfo consecutivo do cadro filialista, que escala ata a quinta praza con 24 puntos. Ata a segunda semana do ano 2020, case dentro dun mes, non volverán a xogar os brancos, cando visiten ao Coviran Quiroga FS na última xornada da primeira volta. Mais agora toca disfrutar do tempo de Nadal para volver con máis forzas se cabe en xaneiro.


Ficha técnica:


Noia Portus Apostoli B: Chaky (p), Diego Pérez, Álvaro, Loren e Sergio Quílez. Tamén xogaron Bruno, Manu Lorenzo (c), Churches, David Agraso e Rafa.


Troula Betanzos FS: Alfonso (p), Miguel Fernández, Pablo García, Santiago Rodríguez e Pablo Martínez. Tamén xogaron Avelino Carnero, Alfonso Seijo, Oliver Espiñeira, Carlos Curros e Lorenzo Cachaza.


Goles: 1-0 Loren (8’), 2-0 Sergio Quílez (9’), 3-0 Sergio Quílez (14’), 3-1 Carlos Curros (20’), 3-2 Pablo García (21’), 3-3 Miguel Fernández (28’), 4-3 Sergio Quílez (29’), 4-4 Pablo Martínez (35’), 5-4 Sergio Quílez (37’), 7-4 Loren (39’), 8-4 Sergio Quílez (39’).


Os colexiados amonestaron con cartón amarelo aos locais Rafa (26’) e Álvaro (39’) e aos visitantes Santiago Rodríguez (28’), Miguel Fernández (32’), Lorenzo Cachaza (34’), e Pablo Martínez (38’ e 39’).

bottom of page