top of page

O filial domina e mira cara arriba (6-4)

Triunfo claro do Noia Portus Apostoli B, que estivo todo o partido por diante dun Jogafan Ordes FS superado en xogo e físico durante os corenta minutos.



No Agustín Mourís o Noia Portus Apostoli B é outro. Diante da súa afección o xogo do filial noiés é máis fluido, as ocasións acaban con maior facilidade en gol e as caras de alegría son máis habituais. O exemplo, o cuarto en catro partidos como local, volveu a facerse presente este pasado domingo.


Dende o mesmo inicio do encontro entre os noieses e o Jogafan Ordes FS, correspondente á oitava xornada da Preferente Autonómica – Grupo Norte, os brancos amosaron as súas intencións de dar un golpe na mesa. Tres minutos e varias oportunidades lles custou derribar a resistencia dos visitantes, que volvería a ser vencida en dúas ocasións máis cando se cumplía o minuto seis de xogo.


Facía dano o Noia Portus Apostoli B á carreira e no ataque posicional, mais nunha xogada de estratexia mal executada os visitantes atoparían un anaco de aire para nun rápido contragolpe poñer o 3-1, no minuto oito.


Aínda así, o control seguía nos dominios locais, que facía intervir ao gardameta ordense con asiduidade. Quizáis lonxe dos seus, os de “Juve” acabarían por frustrarse ante as ocasións falladas e entregarlle opcións aos rivais, pero non no Agustín Mourís.


No minuto quince, un envío á zona de pívot terminaba co 4-1 que ampliaba distancias para os brancos, que aínda terían tempo de aumentar nunha diana máis a súa vantaxe antes do descanso, ao converter un disparo de dez metros.


Descanso, Noia Portus Apostoli B 5-1 Jogafan Ordes FS


Cunha renta suficiente para saír sen apuros pero non sen tensión aos segundos vinte minutos, o Noia Portus Apostoli B mantivo o guión de levar a manixa do partido e as ocasións á portería rival. Porén, o sexto tanto que puxera máis calma na grada noiesa non chegou, algo que si fixo o segundo dos ordenses.


Nunha xogada na que aproveitaron a saída do porteiro local, os vermellos tiraron de picardía para reducir novamente as distancias, esta vez a tres goles, e manter as esperanzas de poder sumar. Unhas que se reduciron de novo cando unha recuperación dos noieses no medio campo propiciou o 6-2 que, a dez minutos do final, aproximaba máis os tres puntos a Noia.


Algo unido a que os ordenses non eran quen de enlazar máis dunha xogada peligrosa que puxera en apretos aos brancos, que entrando nos últimos cinco minutos de encontro mantiñan a vantaxe de catro dianas, que no 35’ se volvería a reducir a tres.


Nun contraataque que pillou á defensa noiesa descolocada, un remate de cabeza no segundo pau poñía o 6-3 e daba lugar a un final interesante entre ambos conxuntos, tendo en conta ademais o alto número de faltas que se amosaba no marcador por parte dos dous equipos, nunha segunda metade na que se mantivo a intensidade.


Nunha polémica xogada e froito dunha controvertida decisión arbitral a dous minutos do final, o Noia Portus Apostoli B quedaba cun xogador menos, o que provocou que os de “Juve” tiveran que defender en inferioridade, ata que a segundos do final un contacto era interpretado como falta polos colexiados, sendo a sexta, que desde os dez metros os ordenses non desaproveitaron para o 6-4 final co que se pechou o partido.


Final do partido, Noia Portus Apostoli B 6-4 Jogafan Ordes FS


Venceu e convenceu o Noia Portus Apostoli B diante dun equipo próximo na clasificación e, sobre todo, diante da súa afección, coa que só sabe gañar, e que siga a racha… dentro de dúas semanas. A próxima, os brancos, agora quintos clasificados con quince puntos -a seis do primeiro posto-, visitarán Cee para verse as caras co FSF Villa de Cee Hotel La Marina, terceiros na táboa con 19 puntos, noutro duelo de importancia na zona noble.


Comments


bottom of page