top of page

FILIAL | O filial golea ao Vigo 2015 (7-3)

Sentenciando o encontro na primeira metade, o cadro branco superou aos laranxas para comezar o 2021 co pé dereito.


Triunfo para recuperar moral e subir postos na clasificación o logrado polo Noia Portus Apostoli B na tarde deste domingo, diante do Vigo 2015, en partido correspondente á xornada 7 do grupo B da Terceira División.


Os noieses comezaron a construir o camiño da vitoria ben pronto, sen nin sequera cumprirse o minuto un de xogo, cando Manu Lorenzo enviaba ás redes un balón solto na área para facer o 1-0.


A pesar de dominar o encontro, sendo dono do esférico e levando a iniciativa, o conxunto de Daniel Ventoso deixou para os minutos finais da primeira metade os goles que reflexaran o que estaba a acontecer sobre o parqué do Agustín Mourís. Antón Arnejo cun gran disparo coa diestra, Power concretando un contragolpe e Rivera definindo pegado ao pau, debuxaban o 4-0 no electrónico.


Aínda habería tempo para máis no primeiro acto, con Rivera repetindo desde os dez metros e de que o Vigo 2015 se quedara cun xogador menos por expulsión.


Descanso, Noia Portus Apostoli B 5-0 Vigo 2015


O choque semellaba visto para sentencia, pero non por iso baixaron as pulsacións. Así, apenas uns minutos despois da reanudación, o Vigo 2015 volvía a gañarse unha expulsión, mermando máis as súas opcións de sumar algo en Noia.


A loita dos vigueses tivo a súa recompensa cos dous tantos, logrados case de forma consecutiva, desde os puntos de penalti e dez metros, respectivamente, mais aí quedaría a reacción.

Antón Arnejo, no 31’, repetía presenza na lista de goleadores, finalizando unha boa xogada de equipo, e Álex Naranjo facía o 7-2 a cinco do final.


Co uso do porteiro-xogador, o Vigo 2015 maquillaría un pouco máis o resultado, anotando o 7-3 definitivo.


Final do partido, Noia Portus Apostoli B 7-3 Vigo 2015


Con este triunfo, o filial branco sitúase cuarto dunha táboa moi desigual en partidos disputados, con sete puntos no seu haber. A próxima semana os de Daniel Ventoso visitarán, na xogada oito do campionato, ao CD BEADE MVMB Copefri.


Ficha técnica:


Noia Portus Aposotli FS: Néstor (p), Diego, Antón Arnejo, Insua e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Sergio (p), David, Antón Rodríguez, Rivera, Álex Naranjo, Power, Álvaro, Iago e Pablo.


Vigo 2015: Diego González (p), Prado, Gándara, Garrido e Vallejo. Tamén xogaron Bosco, Reboreda, Daniel Lorenzo, Alberto Francisco, Óscar Iglesias e Santiago Pérez.


Goles: 1-0 Manu Lorenzo (1’), 2-0 Antón Arnejo (15’), 3-0 Power (15’), 4-0 Rivera (16’), 5-0 Rivera (19’), 5-1 Reboreda (29’) de penalti, 5-2 Garrido (30’), 6-2 Antón Arnejo (31’), 7-2 Álex Naranjo (35’), 7-3 Bosco (39’).


Os colexiados Iria de Luis e Adrián Riveiro amosaron cartóns amarelos aos locais Manu Lorenzo (21’) e Antón Arnejo (23’) e aos visitantes Vallejo (12’ e 21’), Bosco (29’) e Gándara (29’), así como cartón vermello a Óscar Iglesias (14’).

bottom of page