Os erros defensivos custáronlle caro ao Noia Portus Apostoli B na súa visita en Dumbría ao FSF Villa de Cee, que impuxo a súa veteranía sobre os noieses.
Pelexou ata o final, pero o filial noiés non conseguiu volver de Dumbría con novos puntos. De novo, un encontro a domicilio sen premio, que torna a focalizar a importancia de sumar na próxima xornada como local.
E iso que o partido comezou sorríndolle aos brancos, que se adiantaron no marcador no minuto dous de xogo cun disparo exterior que se adentraba na portería do FSF Villa de Cee. Porén, serían os rivais do noso filial os que tomarían o control do balón nos seguintes minutos, cos noieses optando por unha defensa máis resgardada.
Resistía o Noia Portus Apostoli B por diante no marcador ata o minuto nove, no que unha xogada desafortunada terminou cun gol en propia meta que devolveu a igualada ao marcador.
Mediante transicións rápidas tentou o cadro de “Juve” recuperar a dianteira, pero chegaría antes o 2-1, nunha xogada na que os noieses a piques estiveron de retirar o balón debaixo dos postes. Instantes despois, os locais vían como os colexiados, despois dun período de incertidume, lle anulaban un gol por man, algo que os nosos souberon penalizar.
Froito dun balón en largo en dirección á portería do FSF Villa de Cee, un toque á saída do porteiro sería suficiente para, a segundos do entretempo, poñer o 2-2 no marcador, co que ambas escadras encararían vestiarios.
Descanso, FSF Villa de Cee 2-2 Noia Portus Apostoli B
Case sen tempo para recuperarse da reanudación, o FSF Villa de Cee voltou a colocarse por diante cunha boa acción por banda dereita. Un golpe para os noieses, que mantiveron o seu plan de centrarse na defensa e buscar as saídas rápidas en dirección á portería rival, penalizado en parte polo excesivo castigo exposto polos colexiados en canto ás amonestacións.
No ecuador da segunda metade os noieses veríanse obrigados a modificar a súa idea, despois de que en dous erros defensivos os locais aumentaran a súa vantaxe ata o 5-2, motivos suficientes como para introducir porteiro-xogador ata o final do encontro.
De varias oportunidades e chegadas dispuxeron os de “Juve” co xogo de cinco, pero pecaron de falta de acerto. Só un tiro lonxano, en semi fallo do porteiro visitante, alterou o electrónico desde ese momento ata o final do partido.
Final do partido, FSF Villa de Cee 5-3 Noia Portus Apostoli B
Un encontro para seguir collendo madurez, sobre todo defensiva, para os noieses, que na próxima xornada, a décima da Preferente Autónomica – Grupo Norte, recibirán no Agustín Mourís ao Insuas do Rábade Miño FS, terceiro clasificado con vinte puntos, cinco máis que os nosos, que caen á sétima posición.
Comments