top of page

O filial non se complica (7-1)

Prácido triunfo do Noia Portus Apostoli B diante do Castroverde FS, nunha tarde na que os noieses dominaron o encontro de principio a fin.


Non só coa ambición senón tamén coa obrigación de gañar presentábase nesta xornada doce da Preferente Autonómica – Grupo Norte ante o Castroverde FS o Noia Portus Apostoli B, logo da súa caída en Sarria.


Dende o minuto un de xogo amosaron os brancos esa necesidade, facéndose donos do balón e dos ataques. Comezaron acosando á portería rival con numerosas ocasións, moitas delas xeradas en xogadas de estratexia, e chegaron a estrelar o balón no poste.


Custou abrir a lata, non sería ata o minuto oito cando un envío ao segundo pau terminaba no primeiro tanto da tarde. Tan só dous minutos despois chegaba o 2-0, froito dun disparo desde fóra da área imposible para o porteiro rival.


Entrando na recta final da primeira metade os noeises continuaban a ser o único equipo sobre o parqué do Agustín Mourís. Máis intensos, con máis balón, sen sufrimentos en defensa apenas e, pouco a pouco, encontrando o acerto. Desa forma, nos minutos quince e dezaseis produciríanse o 3-0 e o 4-0 que encarrilaban os tres puntos.


Máis dianas puideron chegar antes do descanso, pero sería esa vantaxe de catro goles, curta incluso para o visto, a que imperaría no marcador cando os xogadores encaraban camiño a vestiarios.


Descanso, Noia Portus Apostoli B 4-0 Castroverde FS


Se na primeira metade o primeiro gol se fixo de rogar, na segunda sería todo o contrario. Apenas un minuto de xogo transcurriu cando un roubo de balón en primeira liña daba lugar ao 5-0.


Baixaron os noieses a partir de ahí o pé do acelerador, mantendo o dominio do choque pero sen apretar excesivamente na faceta defensiva. Momentos tamén nos que os visitantes comezaron a desembarazarse un pouco da súa actuación e a achegarse á portería local con certo perigo.


Porén, entrando nos últimos dez minutos o Noia Portus Apostoli B voltaría a poñer un punto máis de intensidad, o que daría pé aos dous seguintes goles que terminarían por matar o partido. A tres minutos do final os visitantes, que tentarán o xogo de cinco sen demasiado éxito, encontrarían un mínimo premio nun gol de consolación que, practicamente sería o peche ao partido.


Final do partido, Noia Portus Apostoli B 7-1 Castroverde FS


Vitoria certamente balsámica para os noieses, que recuperan postos con estes tres puntos, ata situarse na quinta praza con 21 puntos, a catro da terceira que dá acceso á promoción de ascenso, e catorce por riba do descenso. A próxima xornada os de “Juve” enfrontaránse nun partido no que deberán dar un paso adiante, ao fin, como visitantes precisamente ao conxunto que marca o primeiro posto fóra da zona vermella, o Restaurante Galicia Agolada FS.

bottom of page