top of page

O filial vence nun partido sen defensas (9-11)

Vinte goles se deron na mañá deste domingo en Lugo, nun encontro no que os ataques claramente se impuxeron ás defensas.


Iago e Álvaro durante un adestramento

Todo un espectáculo para a vista do espectador neutral, mais de seguro un quebradeiro de cabeza para os adestradores de CP Casás e Noia Portus Apostoli B, aínda que compensado para este último cos tres puntos colleitados que os manteñen na segunda posición da táboa ligueira.


Cinco minutos tardou en abrirse a lata no Pavillón Municipal dos Deportes de Lugo, dando a vantaxe aos noieses. Porén, tratouse dun espellismo, xa que os locais comezaron a impoñerse no ritmo de xogo e déronlle a volta ao marcador con catro goles en doce minutos.


Os noieses foron quen de reaccionar, e en apenas tres minutos formidables conseguiron devolver a igualada ao marcador, aproveitando os segundos paus, xusto antes de encarar o camiño aos vestiarios.


Descanso, CP Casás 4-4 Noia Portus Apostoli B


Na segunda metade os brancos, hoxe ataviados con camiseta e pantalón negros e medias brancas, saíron coa iniciativa coa que finalizaran a primeira, mais nunha xogada desafortunada para os seus intereses o CP Casás encontrou o tanto que lle devolveu a dianteira.


De novo os noieses non baixarían os brazos e volverían a encontrar o sendeiro do gol, dando un golpe de efecto no proceso ao anotar ata catro goles en sete minutos que colocarían o 5-8 no electrónico do pavillón lucense.


Nos seguintes minutos cada vez que os locais intentaban recurtar distancias, os nosos respondían con outro gol, sobre todo na recta final do encontro, na que co CP Casás arriscando todo co xogo de cinco o cadro filial conseguiu tres goles máis decisivos para poñer o resultado final e levar os tres puntos para Noia.


Final do partido, CP Casás 9-11 Noia Portus Apostoli B


Partido de emocións, tensión e goles, sobre todo moitos goles, pero o importante é que os tres puntos volven a Noia para completar un inicio de Liga perfecto. O próximo obxectivo será a visita do Restaurante O Korreo Guitiriz FS, coa meta de proseguir unha semana máis sen fallar.

bottom of page