top of page

O Noia Portus Apostoli FS, a Asociación Misela e A’Creba vestirán as mesmas cores

-As tres entidades, da man do Concello de Noia, presentaron un acordo de colaboración que se desenvolverá durante este curso, co que varios usuarios de ambas organizacións de corte social recibirán clases semanais de fútbol sala durante o curso a partir do luns 8 de novembro.


-O acto tivo lugar na casa consistorial noiesa, coa asistencia da concelleira de deportes e os máximos encargados de cada asociación.

O presidente do Portus Apostoli posou coa concelleira de deportes, as coordinadoras de ambas asociacións e algúns participantes das mesmas

Na mañá deste martes 26 de outubro, o salón de plenos da casa do Concello de Noia acolleu a presentación do acordo de colaboración do Noia Portus Apostoli FS, a Asociación Misela e A’Creba, xuntanza iniciada polo club branco. Mediante esta unión de forzas, numerosos usuarios das asociacións sociais do pobo noiés gozarán de clases de fútbol sala, impartidas por membros do Portus Apostoli, e mesmo lucindo a roupa de adestramento do equipo.


Ao acto asistiron Laura Salgado, concelleira de deportes; Severino Barreiro e Javier Barreiro, presidente e director xeral do Noia Portus Apostoli FS, Oliva Filgueira, coordinadora de Asociación Misela; e Covadonga Rodríguez, coordinadora de A’Creba.


A concelleira comezou loando este acordo, polo que entre 50 usuarios de cada asociación recibirán “clases semanais de fútbol sala” e compartir “vivencias cos xogadores do Noia Portus Apostoli FS” durante “todo este curso escolar”. Salgado tamén quixo recalcar “a labor que están realizando estas asociacións na nosa vila, funcionando como ferramenta fundamental para favorecer a vida independente das persoas con discapacidade” e o seu estado de “encantados con que o Noia Portus Apostoli teña ben en impartir esta colaboración e agardamos que funcione ben e se poida seguir facendo durante vindeiras temporadas”.


Pola súa parte, Javier Barreiro subliñou na súa intervención a importancia da “vida saudable” que favorece a realización de deporte, xunto a “coñecer máis de cerca o noso deporte e o Noia Portus Apostoli, se non o coñecen xa”. Ademais, o director xeral do club noiés deixou clara a intención desde o mesmo de “amosar o club a todas as persoas, entidades e ao máximo que poidamos chegar”, que “o Noia Portus Apostoli FS vai máis alá que o deporte, a todo o que poida ser de cara a axuda e crecemento no ámbito social” e a súa “emoción” por comezar este proxecto, que xa se encamiñara a temporada pasada, e que desexou que teña un largo camiño por diante.


Por parte das coordinadoras de Asociación Misela, organización noiesa de asistencia e servizos para discapacitados, e A’Creba, organización especializada na atención psicosocial a pacientes con enfermidades mentais, agradeceron a iniciativa do Noia Portus Apostoli en comezar esta unión e ao Concello de Noia a súa colaboración.


Cando comezan estas clases?


O luns 8 de novembro será o inicio das actividades relacionadas con este acordo, que se levarán a cabo no Agustín Mourís os luns pola tarde.

bottom of page