top of page

O Noia Portus Apostoli FS estrea o documental do ascenso este luns no Coliseo Noela

O acto, que comezará ás 20:30h do luns 22 de agosto, contará tamén cunha homenaxe e rolda de prensa de David Palmas pola súa recente retirada.
A entrada será gratuita para todo o público.

Toda a vila de Noia e todas as demais persoas que queiran achegarse polo Teatro Coliseo Noela este luns 22 de agosto ás 20:30h, terán a oportunidade de presenzar un día moi especial para a historia do Noia Portus Apostoli FS, coa celebración dun evento que xirará en torno a dous grandes temas: o ascenso a Primeira División e a retirada de David Palmas.


A estrea do documental “A historia dunha Vila de Primeira” servirá para conmemorar un dos maiores logros da historia deportiva do pobo de Noia. Nel nárrase o camiño percorrido polo equipo noiés nunha temporada 2021/2022 para o recordo, a do épico fito do Ascenso á élite do fútbol sala nacional por primeira vez na súa historia, con imaxes e declaracións dos protagonistas.


Ademais diso, levarase a cabo unha homenaxe e celebrarase unha rolda de prensa coa presenza David Palmas, por motivo da súa recente retirada como deportista profesional tras 17 temporadas, as últimas catro defendendo a camiseta dun Noia Portus Apostoli FS do que chegou a ser capitán.


A entrada ao Teatro Coliseo Noela para asistir ao acto será GRATUITA. Desde o club, agardamos poder compartir coa maioría de xente posible o que será unha tarde para volver a celebrar todos xuntos unha lexendaria temporada e recoñecer a un extraordinario xogador.

bottom of page