top of page

O soño da Copa Galicia escápase nuns minutos de debilidade (5-2)

Trinta minutos de boa imaxe, actitude e competitividade non lle serviron aos noieses, que pagaron caro os momentos de dúbidas e erros ante o Pescados Rubén Burela, cadro campión da XXIX Copa Galicia.

Pope conduce o balón ante a carreira de Giasson durante a final

Como un premio e algo histórico se asumía no club noiés esta primeira final de Copa Galicia, pero non por iso deixarían de loitar, diante dun Primeira División, por dar o paso definitivo e levantar o título.


Así, en Narón, reuníanse Noia Portus Apostoli FS e Pescados Rubén Burela, nun A Gándara limitado a 200 espectadores e carente do ambiente que debe ter unha final entre dous equipos con grandes afeccións, como é o caso. A pesar diso, ambos conxuntos amosaron intensidade e ganas de gañar dende o pitido inicial.


Disparou primeiro o cadro laranxa, con algunhas chegadas perigosas á portería de Álex Pérez, pero serían os de Marlon Velasco os encargados de abrir a lata. Antonio Diz reicibiu un pase de Javaloy ao segundo pau para, no minuto seis, superar a Edu e adiantar aos seus.


Desafortunadamente, pouco tardou o Burela en nivelar de novo o electrónico. Precisamente o irmán de Antonio, Álex Diz, completou unha gran xogada por banda dereita e co seu disparo convertiu o 1-1.


Seguiu o choque co mesmo guión de igualdade e alternativas para ambos, que no 13’ se acabaría co 2-1 dos da Mariña. Un tanto que firmou Quintela, logo dunha xogada embarullada e na que os noieses protestaron unha falta.


A partir deste momento, os brancos entraron nun momento de cortocircuito en todos os sentidos do xogo, e os bureleses souberon aproveitar, demostrando a súa condición de equipo de Primeira. Apenas un minuto despois Pazos facía o 3-1, no 16’ era Pitero quen colocaba o 4-1 e xa con tan só segundos no marcador, Pazos repetía para o 5-1 co que se chegaba ao descanso.


Descanso, Pescados Rubén Burela 5-1 Noia Portus Apostoli FS


Con ganas de deixar atrás eses malos minutos e defender a camiseta e as cores do Noia PA como merecen, e como o fai sempre este grupo de xogadores, os de Marlon Velasco saíron mellor na segunda metade, máis seguros en defensa e menos precipitados en ataque. Tivo, de feito, Antonio Diz a oportunidade de refrendar esa boa reanudación noiesa cun disparo que se estrelou na madeira.


E non sería a derradeira vez que o poste cuspiría unha ocasión branca. Pope, Pirata e Javaloy tamén enviaron lanzamentos ao pau, as máis claras de entre as varias que gozaron os noieses na segunda parte, período no que si foron quen de facer tremer a un Pescados Rubén Burela un pouco máis relaxado pola vantaxe, que tamén desperdiciou ante a oposición de Domingo algunhas chegadas claras para decantar máis a balanza.


A recompensa ao esforzo e a garra amosadas foi o 5-2, logrado por Javi Rangel no minuto 36. Un gol que, en circunstancias normais, non sería o único dos noieses nesa segunda metade, mais nin sequera a sorte estivo do seu lado.


Final do partido, Pescados Rubén Burela 5-2 Noia Portus Apostoli FS


Non puido ser. Uns minutos de zozobra pasaron demasiada factura a un Noia que, de novo, non mereceu tal castigo ante un Primeira División. Unha lección máis para o futuro e para o que se vén, que xa é todo Liga. En primeiro lugar, o encontro da semana que vén na casa ante o segundo clasificado do subgrupo B, o Atlético Benavente.


Ficha técnica:


Pescados Rubén Burela: Edu (p) (c), Giasson, Renato, Iago Míguez e Matamoros. Tamén xogaron Pazos, Quintela, Lucho, Álex Diz, Pitero e Javi Rodríguez.


Noia Portus Apostoli FS: Álex Pérez (p), Pope, Naranjo, Javi Rangel e Luisma. Tamén xogaron Domingo (p), Power Raggiati, Rivera, Lluc, Javaloy, Antonio Diz, Armando e Pirata.


Goles: 0-1 Antonio Diz (6'), 1-1 Álex Diz (8'), 2-1 Quintela (13'), 3-1 Pazos (14'), 4-1 Pitero (16'), 5-1 Pazos (19'), 5-2 Rangel (36')


Os colexiados Martínez Torres e Darriba Vilamor amonestaron polo Burela a Lucho (28') e Quintela (30') e polo Noia PA a Antonio Diz (23').


Incidencias: partido correspondente á final da XXIX Copa Galicia, disputado no Municipal A Gándara de Narón ante a presenza duns 200 afeccionados.

bottom of page