top of page

Os Meigallos FS-Noia Portus Apostoli B: a por un triunfo de efecto

Despois de gañar ao terceiro clasificado no Agustín Mourís, o cadro filial tentará refrendar eses tres puntos na súa visita a Sarria (sábado 23, 17:00 horas, Municipal José Mario González), ante un Os Meigallos FS con pretensións de subir postos na táboa.


Semella unha historia de nunca acabar a boa racha do Noia Portus Apostoli B na casa e a mala dinámica lonxe do Mourís. Unha nova oportunidade se presenta esta fin de semana para os brancos na visita a Os Meigallos FS, despois de lograr tres puntos de ouro ante o Insuas do Miño Rábade FS.


“Viñamos dunha derrota e tiñamos que gañar si ou si”, expresa Álvaro, xogador do cadro noiés, que ademais falou dese triunfo como “un partido no que xogamos bastante ben con respecto a outros encontros e fomos regulares durante todo o partido”.


Aínda así, a vitoria da pasada xornada valerá de pouco se os noieses non logran sumar no seu encontro en Sarria, algo do que é consciente Álvaro, que afirma que “faremos todo o posible por traer os tres puntos para Noia”, a pesar de que será “un partido difícil”.


O rival desta xornada, Os Meigallos FS, chega a este partido noveno clasificado con quince puntos, despois de tres datas sen coñecer o triunfo, con dúas derrotas e un empate. Porén, na casa aínda non sabe o que é perder, polo que demostran unha fortaleza como locais que os noieses, coa súa fraxilidade como visitante, terán máis barreiras para intentar superala.


“Levamos xa un tempo sen sumar fóra da casa e somos conscientes diso”, expresa Álvaro, que amplía que “imos ir con todo para poder saír desta dinámica”. Con fortuna, será cunha boa actuación do xogador, quen desvela que “non estou todo o cómodo que me gustaría comigo mesmo, pero si que é verdade que con cada adestramento estou collendo esa confianza que me falta”.


De confianza vai boa parte do asunto para o Noia Portus Apostoli B, que nesta saída afronta unha grande e importante proba para deixar atrás as malas sensacións como visitante que nas últimas semanas non fan máis que semellarse ao día da marmota.

Comments


bottom of page