top of page

#OSentimentoDunhaVila contra a COVID-19

Mediante tres testimonios de cidadáns noieses abonados ao noso club, damos unha visual sobre a situación da nosa vila durante a crise sanitaria e a pandemia.


Mario Martínez, Juan Carlos Rodríguez e Manuel Santiago son tres dos múltiples socios abonados ao Noia Portus Apostoli FS e, como non pode ser doutra forma, tres dos numerosos afeccionados que cada dous fins de semana se presentan no Agustín Mourís para enchelo apoiar ao seu equipo.


Porén, durante esta crise sanitaria provocada pola COVID-19 esa faceta, xuntou outras moitas, quedou forzosamente apartada das súas vidas, deixando como prioridade total e absoluta a súa saúde, a das súas familias e, por último pero non menos importante, a dos seus traballos.


Voluntario na Cruz Vermella, garda civil e técnico en emerxencias sanitarias, respectivamente, foron tres das moitas persoas que estiveron en primeira liña de axuda na nosa vila e, por tanto, contribuiron a manter de Noia como un lugar seguro e protexido dentro da incertidume e das dificultades existentes.


“Ninguén esperaba isto e, ao principio, por mestura de pensar que isto está moi lonxe de nós, xunto co descoñecemento, as primeiras semanas foron de moito traballo”, afirma Manuel Santiago, técnico en emerxencias sanitarias, quen entendía por iso que nas primeiras semanas “había falta de material de protección, a información cambiaba de golpe…”. Algo que dificultaba o traballo pero que non os desviaba da súa principal labor, “intentar facerlle comprender á xente o que pasaba e que estabamos ahí para axudar”.


Axudar no reparto de máscaras, pantallas, e de alimentos, como no caso de Mario Martínez, voluntario de Cruz Vermella. “Co confinamento houbo moita demanda, e fun botar unha man para que non houbera moita aglomeración de xente” nesa iniciativa e tamén nunha adicada a máscaras de tea para nenos, aínda que, eso si, matiza, “mantendo sempre as recomendacións de hixiene, limpieza e demais”.


No caso de Juan Carlos Rodríguez, garda civil, a súa actuación consistiu, en liñas xerais, en “axudar á poboación e facer cumprir o ordenado no Real Decreto (…) polo Estado de Alarma que declarou o Goberno”, expresa. Un traballo do que afirma que en Noia “a xente comportouse bastante ben, sen ningún problema polo xeral, e viuse que trataban de colaborar”, confesa, declaracións que tanto Manuel como Mario comparten.


No terreo persoal, os tres tiveron a sorte de poder pasar a etapa de corentena coas súas familias e non cun confinamento especial, e tamén coinciden en afirmar que ante o coronavirus non tiveron medo pero si “respecto”. “Ao principio non sabes como actuar, pero despois xa vas entendendo cousas, pero ao comezo bastante mal”, recoñece Mario. Respecto fomentado por tratarse dunha situación descoñecida, “nos 20 anos que levo traballando nesto xamais se deu unha situación parecida a esta”, declara Manuel. E unha preocupación que, máis polo propio benestar, se ampliaba ao das súas familias, como desvela Juan Carlos, “máis preocupación por levar algo a casa, á familia, que por min”.


E, entre todo ese ambiente de preocupación, descoñecido e incluso temible por momentos, un momento do día que volvía a encher as forzas dos tres protagonistas destas liñas e de todos os involucrados en Galicia e no resto de España: o aplauso das 20:00 horas.


“Emoción”, “apoio” e “apoio moral” son as verbas que repiten para referirse a esta pequena iniciativa xurdida de entre a poboación para agradecer a sanitarios e demais traballadores en primeira liña contra a COVID-19 o seu sacrificio polo resto dos cidadáns nestes tempos difíciles.


Uns tempos que, de novo os tres volven a coincidir, queren pechar para sempre e, máis cedo que tarde, volver a gozar co seu equipo, o Noia Portus Apostoli FS. “Moitas ganas de fútbol sala, bótase de menos”, xunto con avisos de que, como non pode ser doutra forma, “os da Peña Frente Berberecho vamos seguir estando ahí, duro e forte”.


De seguro que cedo poderemos disfrutar, celebrar, sufrir, desesperarnos… pero todos xuntos de novo na nosa outra casa, a do 40x20.

Commenti


bottom of page