top of page

Pabellón EDO Sala Ourense-Noia Portus Apostoli B: pechar a fase regular buscando posición

-O filial branco pecha o apartado inicial da competición visitando o Municipal Os Remedios e tendo que decidir aínda o seu posto final de cara aos PlayOff de ascenso a Segunda B.


-O encontro disputarase este sábado 15 de maio ás 18:00 horas, en horario unificado para toda a xornada.

Quedar terceiro, ascender ao segundo ou incluso conquistar o primeiro lugar. Esas son as tres cartas que poden definir o destino final do Noia Portus Apostoli B na fase regular da Terceira División, que alcanza este sábado ás 18:00 horas a súa última xornada, na que os de Daniel Ventoso visitan ao Pabellón EDO Sala Ourense.


As contas son sinxelas para os brancos. Cunha derrota a mans ourensáns, os brancos irán á fase de ascenso a Segunda B como terceiros e sen factor cancha. Pola contra, un punto sería suficiente para escalar á segunda e conseguir a vantaxe de pista, algo que tamén estaría asegurado cun primeiro posto que o Portus Apostoli B conquistaría no caso de mellorar o resultado do Ganomagoga IES Coruxo FS, que xoga á mesma hora diante do Campito Chapela FS.


Precisamente, se os noieses siguen con moitas opcións de subir unha praza na táboa é grazas, en parte, ao seu rival desta fin de semana, o Pabellón EDO Sala Ourense. Esa vitoria colleitada por estes o pasado mércores contra o Carballiño FS certifica, ademais das opcións brancas de ser segundos, o seu grande estado de forma, con dous triunfos seguidos e tres nos últimos catro choques.


Porén, os ourensáns non se xogan nada nesta derradeira xornada da primeira fase máis alá do prestixio de gañarlle a outro dos cadros que loitará por competir o curso que vén no terceiro chanzo do fútbol sala nacional. Dependendo do que pase en Os Remedios e noutros pavillóns, o Noia Portus Apostoli B afrontará esa apaixoante misión dunha ou doutra forma.


bottom of page