top of page

Pescados Rubén Burela FS-Noia Portus Apostoli FS: a corenta minutos dun título histórico

O cadro de Marlon Velasco preséntase en Narón, este sábado 9 de xaneiro a partir das 17:00 horas, coa ilusión de conquistar a Copa Galicia diante dun Primeira División como o Pescados Rubén Burela no Municipal A Gándara de Narón.

Os noieses regresaron esta semana aos adestramentos

Un torneo que comezou o 23 de agosto de 2019 e terminará o 9 de xaneiro de 2021. Por motivos desgraciados, estamos ante a edición da Copa Galicia máis estraña dos últimos tempos, pero que se disputarán na gran final os dous equipos que máis o mereceron e buscaron, entre eles un Noia Portus Apostoli FS que irá a polo seu primeiro título nesta competición.


A Estrada Futsal, ADFS Bueu, Pizarras Tres Cuñados e Santiago Futsal foron os rivais aos que tiveron que superar os de Marlon Velasco para alcanzar o que xa é a maior meta xamais lograda polos brancos na Copa Galicia. Inmersos nunha xeira fantástica en Liga, unido ás boas sensacións amosadas ante calquera rival, un cadro branco sen presión, con pouco que perder e moito que gañar, confía en ser quen de facer tremer a todo un Primeira como Pescados Rubén Burela, co engadido de “Power” Raggiati neste mercado de inverno.


De Concello de Begonte FS, Ribeira FS, SD Xove FS e O Parrulo Ferrol FS se desfixeron os da Mariña lucense para prantarse na súa sétima final. Os de Juanma Marrube son xa habituais nestas lides, de feito levan presentes en todas as finais de Copa Galicia desde a da 15/16. Porén, o resultado só sorriu aos laranxas nunha ocasión, na 17/18. Este curso, cun plantel reforzado e ampliado e chegados a este punto, os de Burela teñen entre cella e cella reconquistar este trofeo para as súas vitrinas.


Como xa se viu no amigable de pretemporada, último precedente de enfrontamento, estes dous conxuntos son capaces de ofrecer un grande espectáculo de fútbol sala, algo que, cun título en xogo e coas cámaras da TVG2 emitindo en directo, de seguro que farán no parqué do Municipal A Gándara de Narón, este sábado 9 de xaneiro a partir das 17:00 horas.


Todo un duelo entre dous dos equipos máis en forma de Galicia, tamén entre un cadro experto e un novato, que se disputarán o trono do fútbol sala galego que tanto tempo leva agardando un herdeiro, concretamente desde o 7 de maio de 2019, cando o reclamara O Parrulo Ferrol.


Un encontro para gozar… e oxalá do que saír cun novo trofeo para o palmarés noiés.


Álex Pérez e Marlon Velasco protagonizan a previa



bottom of page