O brasileiro completou outra grande actuación, redondeada cunha tanda de penaltis na que foi fundamental para que o Portus Apostoli encontrara o camiño á finalísima da Copa Galicia.
Crucial no partido para manter ao seu equipo con vida e crucial nos penaltis para que a vitoria se fora para Noia. En resumo, crucial Henrique, que ante as cámaras se amosaba “contento” despois de certificar o pase á final nunha tanda na que “o equipo estaba preparado”. Tanto el como Marcos Ferreyra “tiñamos confianza porque sabemos que eles van a marcar, e se paramos un ou dous o equipo vai saír gañador”, ademais da existencia do “scouting de Samu, que é moi importante e o que me axudou a facer a parada”.
Sobre o encontro, Henrique definiuno como “atípico, sobre todo o inicio”. Estaban os noieses “desconectados en defensa, en ataque creábamos pero non conseguíamos marcar”. O resultado, un 2-0 ao descanso co que a eliminatoria estaba igualada, que obrigaba aos brancos a “facer un gol para intentar clasificar ou aguantar o máximo”. O gol de Altamirano, nunha “xogada moi ben traballada”, foi o espaldarazo necesario, aínda que logo chegou o 3-1 dos bureleses e faltando once minutos as cinco faltas coas que “foi moi complicado defender”, afirmaba o porteiro.
Que sucedeu nese espazo de tempo entre o final do partido e o comezo da tanda? “Falamos Marlon, Marcos e eu de escenarios que podían pasar. Eu teño confianza nos penaltis, en Brasil era eu quen os intentaba parar nos partidos”, expresaba Henrique, quen xa se sentiu “confiante no primeiro penalti” que envía fóra Pazos, tamén no segundo, no que “vou ao mesmo lado aínda que non o podo parar, pero teño confianza para quedarme un máis”, e xa no seguinte a parada que, xunto ao erro de Renato e os goles dos seus compañeiros, provocou que “conseguimos gañalo”.
17 de maio en Marín, gran final contra O Parrulo, un partido que “é diferente, nunha final non se pode fallar”. Por iso, Henrique fai autocrítica, “nos últimos dous-tres partidos non estamos 100% afinados. Encaixamos 6 goles no anterior partido, neste 3. Temos que volver a ser o que eramos, volver a traballar isto para que na final saibamos que facer, e oxalá saír con este título tan importante para o club”, concluía.
Comments