top of page

POST PARTIDO J15 | Pirata: “Baleirámonos, non se nos pode pedir máis nese sentido”

O ala-pívot lucense declarou en zona mixta despois do encontro diante do Industrias Santa Coloma.

Caeu o Portus Apostoli no seu último partido do 2022 e, por tanto, cedeu todas as opcións de clasificación á Copa de España, pero pouco se lle pode reprochar a un cadro baixo mínimos que deu a cara todo o partido: “totalmente exhaustos, un esforzo moi grande de todo o equipo. Baleirámonos, non se nos pode pedir máis neste sentido. Felicitar ao rival e agora a descansar uns días e recuperar forzas”, expresaba o ala-pívot, Pirata.


Analizando o encontro diante do Industrias Santa Coloma, o lucense recoñecía que “quizais, para as limitacións que tiñamos a nivel de xente, era o peor equipo contra o que nos podiamos enfrontar. Teñen un plantel longo, xente xoven, corren, pelexan, moi intensos e iso ao final pasa factura”. Aínda así, os noieses gozaron dun gran inicio, do que se lamentaba por non aproveitar, “tería que ver o partido repetido, pero si que é unha mágoa non aproveitarnos dos primeiros minutos, que temos claras ocasións, e a partir de aí si que hai un baixón, as pernas non responden igual, é normal, e a cabeza tamén xoga este tipo de partidos”. Finalmente, un 1-4 que “pode ser un pouco enganoso aínda que eles na segunda tamén teñen ocasións claras, pero xa está, non hai escusas”.


Para colmo de males, en Tudela deuse o empate que, de gañar os brancos, suporía a histórica clasificación a Copa de España. Preguntado por se sabía desta situación, Pirata confesou que “ao finalizar o partido pregunteille á miña nai e comentoumo. Pásase pola cabeza ese “e se...”, pero loxicamente era un reto complicado que se podía dar. Primeiro tiñamos que cumprir nós, non o fixemos e xa está. Queda toda unha segunda volta, esperemos recuperar xente, coller confianza e enganchar unha boa dinámica”, pechaba.

bottom of page