top of page

POST PARTIDO | Joaki: “Os penaltis tamén se traballan, e decantouse para nós”

O ala-pívot mallorquín, autor do gol definitivo desde os seis metros, falaba ante as cámaras despois do triunfo na eliminatoria contra o Burela.

“Moi contento por pasar a eliminatoria, era o obxectivo chegar á final da Copa Galicia”, recoñecía Joaki, minutos despois de aliviar toda a tensión contida nun partido disputadísimo e unha tanda de penaltis emocionante. “Sabiamos que nos íbamos a atopar un bo rival tanto na ida como na volta”, declaraba, puntualizando que “na ida marchamos cunha vantaxe de dous goles, pero póñense as cousas mal con ese 2-0 ao descanso”. Afortunadamente, “empezamos moi ben a segunda metade marcando un gol moi pronto”, e finalmente nos penaltis chegou a vitoria, “moi contento de meter o gol decisivo, e tamén felicitar a Henrique”.


Ese tanto de Altamirano nada máis reanudarse o encontro foi “súper importante, falámolo ao descanso”, despois dunha primeira metade na que “tívemos ocasións, faltounos metela”, e o tanto do arxentino “veunos bastante ben”. Sobre todo tendo en conta que Burela anotou case deseguido o terceiro e que no 30’ “nos puxemos con cinco faltas moi cedo”. Nesa situación crítica, Joaki valorou que “creo que mantivemos ben a calma”.


O partido desembocou na tanda de penaltis, o que para Joaki “non é unha tómbola, isto tamén se traballa, e decantouse para nós”, afirmaba orgulloso. De parte de Marlon Velasco recibiron as consignas de que “non chutáramos con medo, que chutáramos para gañar e así foi”.


“Agora a pensar na visita a Palma o sábado e despois na final”, seguía un Joaki que sobre ese duelo contra O Parrulo que decidirá o campión o martes 17 de maio expresaba que “a Liga queda a un lado, é unha competición diferente, nun campo neutral. Será unha final moi bonita e disputada, con moitas ganas e a intentar gañar outro trofeo”, pechaba.

bottom of page