top of page

POST PARTIDO | Pau: “Estou moi agradecido por todo o que fan por min”

Debut en competición oficial co primeiro equipo e ademais un gol co que redondear unha noite máxica. Iso foi para o catalán o duelo en Ourense do debut noiés na XXX Copa Galicia.

Se alguén non esquecerá a noite de martes é Pau. O xogador do filial estreouse en competición oficial co primeiro equipo, algo polo que se amosaba “moi contento”. Ademais, conseguiu o último dos goles da vitoria por 1-11 en Ourense, o que “é parte da recompensa”, pero Pau prefería coa “confianza que me levan dando todo este tempo corpo técnico e xogadores, é o que valoro. Estou moi agradecido por todo o que fan por min e a oportunidade”.


Un momento ilusionante pero tamén nada fácil, cos nervios a flor de pel. “A medida que o resultado ía subindo, facíame a idea de que podía entrar”, aseguraba o ala, que cando pisou o parqué sentiu “ao principio un pouco de nervios, bolboretas no estómago como se di, pero a medida que vas entrando e collendo confianza vaste soltando. Antes de saír os meus compañeiros animáronme moito, que xogara sen presión, como sei”.


De aquí en adiante, a lección está clara para Pau: “a seguir traballando como ata agora, adestrando igual e xa irán saíndo os resultados”.

bottom of page