top of page

POST PARTIDO | Rafa Merino (Pescados Rubén Burela): “Houbo momentos nos que desconectamos”

A opinión do técnico do conxunto laranxa sobre a derrota en Noia, no encontro de ida das semifinais da XXX Copa Galicia.

O Burela encarará a volta das semis da XXX Copa Galicia con desvantaxe, despois de caer 5-3 en Noia nun partido no que o adestrador laranxa Rafa Merino saca unha valoración que “non é moi boa”. Destacou que “empezamos bastante ben a nivel de estar moi metidos, acertados no xogo”, pero sobre todo na segunda parte “houbo momentos nos que desconectamos do partido e pasounos factura, Noia foise metendo cada vez máis”, ampliando diferenzas e rubricando un resultado co que se marchaba “fastidiado”.


Merino laiouse de certos goles onde faltou “comunicación tamén, de non estar concentrados”, por parte dos seus xogadores, algo que “hai que corrixilo porque a este nivel penaliza moitísimo”. Será algo a modificar se queren darlle a volta á eliminatoria en maio: “imos tentar que o factor campo nos dé un empurrón, nos axude, a diferenza non é tan ampla para dicir que vai ser moi complicado. Agardamos que nos axude a xente en Burela, non imos renunciar, e imos tentar corrixir os erros de hoxe para gañar a eliminatoria”, pechaba o adestrador de Pescados Rubén Burela FS.

bottom of page