top of page

POST PARTIDO 1/4 COPA GALICIA | Marlon Velasco: “Precisabamos un partido como este”

O técnico amosouse contento por cumprir o deber e deixar atrás o partido de Murcia cunha nova goleada, esta vez ao seu favor.

Cumpriu cos prognósticos o Portus Apostoli, vencendo no seu debut na presente Copa Galicia ao Pazos de Borbén, da Terceira División, por 1-8. “Xa o diciamos na previa, tiñamos que referendar a condición de equipo campión”, afirmaba o técnico noiés, Marlon Velasco, que deixa claras as intencións dos seus de “seguir competindo polo título, e para iso tiñamos que superar o escollo de hoxe que máis aló da diferenza de categorías, non era fácil”.


Velasco quixo “dar os parabéns ao Pazos de Borbén pola organización do partido, foi un pracer poder competir aquí este cuartos de final de Copa Galicia”, nun Municipal pacense ateigado e entregado, no que o ambiente “estivo á altura do que significaba para eles este partido”.


Sobre o encontro, o adestrador noiés achegaba que “foi moi trabado, sobre todo polas continuas interrupcións dos árbitros. Foi un partido limpo, disputado, pero esas interrupcións por cousas que non teñen nada que ver co xogo quitáronlle algo de espectáculo”, lamentaba.


Tamén foi un choque para darlle a oportunidade a Nico Rosa e Álex García, os últimos en chegar. “Levan moi pouco tempo con nós e é difícil que poidan ter momentos de xogo en Primeira. Están en pleno proceso de adaptación, e partidos como estes son interesantes para iso e tamén para descargar minutos a outros que poidan ter moitos durante a temporada”, expresaba, sen esquecer a importancia dun triunfo no que “máis aló do resultado, que é máis avultado do que ao mellor tiña que ser por eses goles ao final”, os seus tiveron o encontro “controlado desde que nos puxemos por diante”.


Por último, Marlon pechou querendo “felicitar ao equipo, precisabamos un partido como o de hoxe, gañar para quitarnos a mala sensación de Murcia, e sobre todo o deber cumprido de pasar a eliminatoria e agora agardar a seguinte fase”.

Comments


bottom of page