Con cinco goles, o ala-pívot lucense foi un dos nomes propios na visita noiesa a Pazos de Borbén para conseguir o pase a semifinais de Copa Galicia.
O Noia Portus Apostoli FS logrou avanzar a semifinais de Copa Galicia superando ao conxunto de Terceira División do Pazos de Borbén FS. “Sabiamos que era un partido moi ilusionante para o rival, eu que os xoguei desde o outro punto de vista deséxalo, vas a dalo todo, cada cousa celébrase”, expresaba Pirata. O xogador branco desvelaba que no vestiario “sabiamos que tiñamos que saír metidos para cumprir o obxectivo, era a nosa responsabilidade sacar o partido, e así o fixemos. Aínda que ao final o partido rómpese e co porteiro-xogador o resultado é un pouco enganoso, creo que somos xustos gañadores, dominamos todo o partido e contentos polo pase a semis”.
Nese resultado de 1-8, boa “culpa” tivo Pirata, conseguindo ata cinco tantos. O ala-pívot afirmaba sobre iso que “podes estar un mes equipo tendo ocasións e non entra e un día entran cinco”, pero restáballe relevancia ao feito, “contento loxicamente, pero é o menos importante”.
Máis importancia lle dá o lucense ao ir metendo pouco a pouco en dinámica aos novos, Nico Rosa e Álex García, que contaron con moito protagonismo no duelo. “Canto antes nos integremos coas novas incorporacións, mellor. É na pista onde temos que demostrar que nos coñecemos, asociarnos. Ambos tiveron un gran partido, demostraron que están ao nivel, máis competitividade para todos no día a día. Contentos pola súa participación e a de todo o equipo”, afirmaba Pirata.
Co parón pola Copa de España, aos noieses agárdalles agora uns días de descanso. “Desconectar estes catro días sin perder o foco e a partir do luns a tope”, a guía de ruta que establece Pirata para encarar o partido do vindeiro 18 de febreiro, contra Viña Albali Valdepeñas, co que loitará no Agustín Mourís por outra importante vitoria. “Estamos cerca de cumprir o obxectivo, queremos asegurarnos canto antes porque non hai nada feito. Cada partido é unha oportunidade, cada rival pon as cousas complicadísimas e teremos que dar todo para conseguir os tres puntos”, pechaba.
Comments