O ala-pívot de Lugo falou diante dos micrófonos, despois do triunfo do Portus Apostoli contra o Aspil-Jumpers Ribera Navarra FS.
Unha vitoria moi importante a lograda polo Portus Apostoli contra o Aspil-Jumpers Ribera Navarra FS, como recoñecía Pirata. “Tal e como está a clasificación, contra un rival directo, viñamos nunha boa dinámica, mantémola, e seguir distancia cos rivais de abaixo permítenos respirar máis tranquilos durante unhas xornadas”, afirmaba, consciente tamén de que “nada está feito, pero seguir sumando vainos permitir cumprir o obxectivo”.
Despois dunha primeira metade sen goles, conseguir o 1-0 foi “importante porque sabiamos que ía ser un partido bastante igualado, táctico”, tamén despois de entrar a esa segunda “un pouco fríos, erros individuais”. O lucense prefería quedarse con que “corriximos eses primeiros minutos, aínda que estamos pecando un pouco diso sobre todo nas segundas partes”e tamén coa “boa reacción”despois do empate de Ribera, con dous tantos que decantaron o encontro.
Nos minutos finais, tocou sufrir co porteiro-xogador. “É unha parte do xogo que fan moi ben. Teñen moitos pegadores, móvena a un toque e ao final nalgún momento tes que ceder. O rival tamén xoga e sorprende”, expresaba Pirata, que lamentaba encaixar o gol pero amosábase ledo porque “creo que defendemos ben, roubamos varias pelotas, con manter a distancia do 3-2 suficiente”.
Comments