-O cadro filialista afronta no Municipal de Bueu o primeiro encontro da temporada, despois de tres semanas de preparación.
-O envite disputarase este sábado 18 de setembro a partir das 17:00 horas.
O Noia Portus Apostoli B regresa ás pistas para dar comezo á temporada 2021/2022 da Terceira División. Meses despois de acariñar a final polo ascenso a Segunda B, un renovado filial noiés, con múltiples caras novas en varias liñas e novo corpo técnico, pon o primeiro punto ao seu segundo curso na cuarta categoría nacional.
A xuventude destaca por riba de todo no plantel máis mozo do Portus Apostoli B nos últimos tempos, que terá que volver a vivir o proceso de adaptación a unha dura competición que, con respecto á pasada campaña, cambia de formato, regresando ao habitual de grupo único.
Para estrearse nese cambio, os brancos visitarán a un cadro co que xa se viron na 2020/2021, como é o ADFS Bueu. O conxunto da provincia de Pontevedra, ao igual que os nosos, alcanzou os PlayOff de ascenso a Segunda B, caendo nos cuartos de final contra o Lugo Sala, que sería tamén o verdugo dos brancos en semifinais. Na pasada temporada, os enfrontamentos entre bueuenses e noieses terminaron con sendas vitorias visitantes por 4-5.
Nova e renovada experiencia en moitos ámbitos para o Noia Portus Apostoli B a que comezará este sábado en Bueu a partir das 17:00 horas. Comezar sumando e ofrecendo unha boa imaxe será o obxectivo dos brancos para esta primeira xornada ligueira.
コメント