Buscar

PREVIA FILIAL | Campito Chapela-Noia Portus Apostoli B | Duelo contra un rival directo

-O conxunto branco visita este domingo a partir das 16:00 horas ao seu máis inmediato rival na táboa, con tan só un punto máis.


-Despois de volver a sumar a xornada pasada, os noieses queren retornar ao camiño da vitoria nun importante partido.


O Noia Portus Apostoli B acariñou os tres puntos contra o CD Beade MVMB Copefri, e agora non os quererán deixar escapar na súa visita ao Campito Chapela FS. Un cara a cara entre dous equipos aos que só separa un punto na zona baixa da táboa, o que torna o encontro desta fin de semana en crucial, a pesar de tratarse da xornada oito.


Iso é porque cada punto custa un mundo, e sábeo un Portus Apostoli B que tivo nas mans a semana pasada a opción de lograr a súa segunda vitoria do campionato. Finalmente, tivo que conformarse con romper a xeira de derrotas cun punto que procurarán facer mellor o domingo no Municipal de Chapela.


Os laranxas ocupan a 13ª praza con 5 puntos, un posto e un punto máis que os noieses. Porén, chegarán a este encontro logo de sufrir unha dura derrota en A Coruña por 9-2. Aínda así, non se confían os brancos, vendo que o único triunfo do Campito data de hai dúas semanas e en condición de local, por 8-1 diante do FS Pontedeume.


Tres puntos que poden sumar máis que iso tanto na táboa como na moral dun Portus Apostoli B desexoso de, despois de conseguir alterar o seu casilleiro cunha unidade, volver a saborear a vitoria.