top of page

PREVIA FILIAL | CD Lugo Sala-Noia Portus Apostoli B | Saída á casa do líder de ferro

Este sábado 4 de decembro a partir das 17:00 horas no Pavillón o Palomar, o conxunto branco visita ao primeiro clasificado, un equipo con varios xogadores con pasado moi recente na Primeira e Segunda División.


Felicidade no vestiario do Noia Portus Apostoli B logo do importantísimo triunfo da semana pasada, nun grande exercicio competitivo que tentarán repetir, senón mellorar, na visita ao CD Lugo Sala para esta xornada doce do campionato de Terceira División.


Os números do líder da clasificación falan por si mesmos. Once vitorias en once partidos, 33 de 33 puntos posibles, 72 goles a favor e 9 en contra. Un CD Lugo Sala no que se atopan nomes máis que coñecidos no panorama nacional do fútbol sala, como son, entre outros, Miguel Muñoz, Iago Rodríguez e Diego Núñez, tres xogadores que a temporada pasada xogaban en Primeira co O Parrulo.


E, como non, Antonio Diz. O pívot lucense, que militou os dous anteriores cursos no Noia Portus Apostoli FS, goza do fútbol sala no equipo albivermello despois de retirarse da práctica profesional ao término da temporada pasada.


Con todos estes ingredientes, sumar convértese nunha misión certamente complexa para un Portus Apostoli B que sabe que cadros como este non son realmente da súa Liga e que buscará no Palomar continuar dando chanzos na súa escala competitiva.

bottom of page