top of page

PREVIA FILIAL | Noia Portus Apostoli B-CD Lugo Sala | Cara a cara fronte o líder no fortín do Mourís

O conxunto filialista afronta este domingo 10 a partir das 19:00h un duro exame á súa magnífica xeira como local, recibindo ao primeiro da Terceira División, que aínda non coñece a derrota en Liga e que conta con xogadores de grande talla nacional.

O Noia Portus Apostoli B recibe ás 19:00h deste domingo ao CD Lugo Sala, en partido da xornada 27 da Terceira División. Despois de oito vitorias consecutivas como local, chega ao Agustín Mourís o intratable líder para poñer unha esixente proba a ese espectacular estado de forma dos noieses, quintos con 38 puntos e un partido pendente.


Asustan os números e asustan os nomes. Primeiro da clasificación con 76 puntos de 78 posibles e acariñando o título e o ascenso a Segunda División B, o Lugo Sala encóntrase no mellor momento da súa curta historia. Un equipo construido para isto, cun plantel formado por xogadores da canteira e/ou con anos de experiencia no club xunto a pezas lucenses de nacemento que marcan diferenzas.


É o caso dos Miguel, Diego Núñez, Iago Rodríguez (os tres a temporada pasada militaban en O Parrulo en Primeira) e, como non, de Antonio Diz. Voltará o pívot ao Mourís por primeira vez desde a súa despedida o pasado mes de maio. Un dos responsables no crecemento do primeiro equipo do Portus Apostoli das últimas temporadas e que sempre será recordado na historia da entidade.


A todo iso, que non é pouco, se enfrontará o filial. Un novo exercicio competitivo dos moi esixentes por diante para un Portus Apostoli B que xa demostrou en Culleredo que sabe competir ante situacións límites. Este domingo, un paso máis.

bottom of page