top of page

PREVIA FILIAL | Praias de Barreiros CD-Noia Portus Apostoli B | Reatoparse co triunfo

Este sábado 23 ás 19:00h os noieses visitan o Municipal Barreiros en partido da xornada 28, antepenúltima, da Terceira División.

A recta final xa é un feito para o Noia Portus Apostoli B, ao que tan só lle quedan tres partidos para terminar a temporada regular de Liga. Sétimo na táboa con 39 puntos, a salvación é un feito, mais o soño do PlayOff complicouse froito dos últimos dous resultados.


As últimas opcións de entrar no mesmo tentarán estirar os noieses na súa visita ao Municipal Barreiros. Imprescindible sumar o máximo posible nas tres citas que quedan para recurtar os dous puntos que separan ao Portus Apostoli B da quinta praza que dá acceso á promoción de ascenso.


Noutra pelexa está o Praias de Barreiros CD. Aínda que fóra dos postos de descenso directo, tan só hai tres unidades de diferenza co Bueu, cuarto pola cola. Ademais, os posibles arrastres desde a Segunda División B poderíanos condenar a un descenso incluso finalizando no 11º posto que ocupan agora mesmo, con 28 puntos.


No seu último encontro, os de Barreiros caeron por 3-5 contra o Campito Chapela FS, en partido recuperado da xornada 17 na mañá do pasado xoves. Unida á derrota contra o 5 Coruña FS na xornada 27, son dous partidos seguidos sen sumar. A esa xeira negativa procurará sumar un máis o filial noiés, que xa fora quen de vencer ao Praias na primeira volta, por un marcador de 6-3.


Este sábado 23 de abril a partir das 19:00h cunha visita difícil, o Noia Portus Apostoli B pon en xogo seguir unha semana máis na pelexa por un PlayOff para o que cinco equipos se disputan dous lugares que buscan dono.

bottom of page