top of page

PREVIA FILIAL | SD Xove FS-Noia Portus Apostoli B | Esixente partido a domicilio contra o segundo

Un filial cheo de moral pola vitoria da pasada fin de semana afronta unha das viaxes máis complicadas que lle queda esta temporada.
O encontro arrincará ás 18:15 horas do sábado 12 no Pavillón do Centro Cívico de Xove.

Coa tranquilidade dos tres puntos acadados en O Carballiño, o Noia Portus Apostoli B encara dunha mellor maneira a segunda saída consecutiva, unha das máis, senón a máis difícil a priori do que resta de curso.


Os filialistas visitarán ao SD Xove FS, segundo clasificado e, xunto a CD Lugo Sala e Grupo Forma-t Vilalba FS (que ten un punto e un partido de menos), un dos mellores equipos da categoría, con xogadores con experiencia na élite nas súas filas.


Demóstrano as súas actuacións e resultados. Despois de perder nos dous primeiros partidos ligueiros, os xovenses suman 49 dos últimos 51 puntos, con 16 vitorias e un empate, con 106 goles a favor e 45 en contra. Unha proxección de menos a máis que inclueu o partido da primeira volta, con triunfo por 2-4 para o SD Xove FS.


Un equipo e números moi lonxe das aspiracións dos noieses, que saben ben que terán que facer un partido absolutamente perfecto se queren sacar algo do Centro Cívico de Xove e así seguir progresando na que si é a súa obrigación, a de manterse máis cerca da promoción que da zona de descenso.

bottom of page