O conxunto filialista visita Culleredo este sábado 24 a partir das 18:00h en busca dos seus primeiros puntos da temporada, en duelo da segunda xornada da Terceira División.

Sen moito tempo para lamentarse da oportunidade perdida na estrea, o Noia Portus Apostoli B afronta este sábado ás 18:00h o segundo envite da temporada coa ambición de comezar a sumar canto antes, visitando a outro equipo con iguais intencións, o Sport Sala FS.
Semana de adestramentos para incidir no ben feito, que foi moito, e para corrixir o que apartou aos noieses de sorprender ao SD Pazos de Borbén FS na primeira xornada ligueira. Evitar as desconexións que levaron á remontada dos pontevedreses será chave na visita a un dos mellores conxuntos do pasado curso.
Quintos clasificados e con participación no PlayOff de ascenso, o Sport Sala FS completou na 21/22 unha temporada moi positiva, que tentarán replicar este curso. Porén, na primeira xornada, os de Culleredo cederon diante do Cidade de Narón FS por 4-3.
Amarrar os primeiros puntos e, de paso, unha dose de confianza será o obxectivo que leven os pupilos de Palmas en dirección a Culleredo, aínda en fase de coñecemento e, no caso de moitos dos xogadores, de adaptación á categoría.
Comments