top of page

PREVIA FILIAL | Troula Betanzos FS-Noia Portus Apostoli B | Que siga a racha na visita ao colista

Enfrascado nunha dinámica de tres xornadas sen perder, que inclúen dúas vitorias nos últimos dous encontros, o conxunto branco quere continuar sumando noutro duelo directo.

O encontro disputarase o sábado 20 de novembro no Municipal de Betanzos a partir das 18:00 horas.


De doce chega o Noia Portus Apostoli B á xornada 10 da Terceira División. Logo de, ao fin, revertir a súa mala dinámica inicial, a goleada por 9-3 ante o Pizarras, na que os noieses completaron unha grande actuación, supuxo a saída dos postos de descenso que viña ocupando nas anteriores datas.


Mais no vestiario branco son conscientes de que queda moito traballo por facer para ir concretando a consecución dos obxectivos finais, comezando por esta mesma fin de semana.


O Portus Apostoli B visitará a cancha do colista da Terceira División galega, un Troula Betanzos FS que só conta cun punto no seu casilleiro, o obtido no empate 5-5 contra o Praias de Barreiros na cuarta xornada. Desde aquela, catro derrotas, mais todas elas por tan só dous goles de diferencia, o que demostra que os betanceiros non serán un rival sinxelo para os nosos, a pesar do posto que ocupan.


En estado de gracia, mais concentrados en que deben dar o 100% se queren ser competitivos e seguir contando partidos por vitorias unha semana máis. Así terá que saltar o Noia Portus Apostoli B este sábado a partir das 18:00 horas ao Municipal de Betanzos para saír cos tres puntos.

bottom of page