top of page

PREVIA X14 FILIAL | Noia Portus Apostoli B-SD Xove FS

Os noieses reciben aos líderes no último partido do ano, a disputarse este sábado 17 de decembro ás 18:15h no Municipal Agustín Mourís.

Despídese o 2022 para o Noia Portus Apostoli B e faino por todo o alto. Os de Palmas recibirán na última data do ano a nada máis e nada menos que o líder da Terceira División, un SD Xove FS que é o favorito para o ascenso a Segunda B.


O encontro, da Xornada 14, é tamén o penúltimo dunha primeira volta que os noieses pecharán, xa en 2023, en Vigo. Ata o momento, o balance é unha sexta posición con 20 puntos, unha posición cómoda pero coa que non se conforman os brancos, un plantel xoven e en formación que se marca como obxectivo para o segundo tramo do curso seguir progresando no xogo e na súa actitude competitiva.


Que precisarán do mellor de ambas facetas para tentar sacar algo da visita do líder a Noia é algo que quedou claro en Padrón, no que a desconexión inicial e a falta de puntería ante outro dos conxuntos da zona alta como é o Stellae FS lastrou ao Portus Apostoli B durante todo o partido.


Co ascenso entre cella e cella despois de rozalo a campaña pasada, o Xove FS ocupa a primeira praza da táboa clasificatoria con 34 puntos, seis de vantaxe sobre o seu inmediato perseguidor, o SD Pazos de Borbén FS. Polo tanto, só cinco puntos se deixou polo camiño o cadro lucense ata o momento, demostrando a súa fortaleza. A Noia chegarán cunha xeira de tres triunfos seguidos, o último contra o Cidade de Narón por 6-3.


Un duelo, a disputarse este sábado 17 a partir das 18:15h, que ben se pode considerar un exame competitivo para o Noia Portus Apostoli B, que antes de facer os propósitos para o 2023 quererá pechar o 2022 cunha actuación da que estar orgullosos.

bottom of page