O filial noiés comeza o ano 2023 co último encontro da primeira volta, no Pavillón Pista Vermella vigués este sábado 7 de xaneiro ás 17:00h.
Acabáronse as vacacións para o Noia Portus Apostoli B e os equipos da Terceira División, unha das competicións de fútbol sala que máis madruga neste comezo de 2023. E faino para poñer fin a unha primeira volta que quedou sen concluír o pasado ano, a falta dunha última xornada que, no caso dos noieses, levaraos a Vigo.
Sétimos con 20 puntos, os brancos teñen a opción de finiquitar a primeira metade de curso adiantando un posto, xa que o Vigo 2015 ocupa a sexta con 22 unidades. Sería o mellor peche posible a un tramo inicial de campionato con altos e baixos, tamén do que sacar varias conclusións positivas dentro dun grupo renovado e moi xoven.
Como amosan os precedentes e a táboa, os vigueses non serán rival sinxelo. Un equipo sempre competitivo, que tentará defender a súa posición e seguir próximo a un “top 5” que ten actualmente a 4 puntos. Se o Portus Apostoli B vén de dúas derrotas seguidas (iso si, ante dous equipos da zona alta), os laranxas terminaron o 2022 con dous triunfos, por 7-2 contra o 5 Coruña FS e por 2-4 ante o Cidade de Narón.
Comezar o 2023 con bo pé está dentro dos propósitos dun Noia Portus Apostoli B co obxectivo claro de seguir medrando na pista, especialmente con vitorias, para unha segunda parte ligueira que se presenta emocionante, competitiva e con ambiciosos retos por diante.
Comments