top of page

PREVIA X6 FILIAL | Noia Portus Apostoli B-Praias de Barreiros CD

O cadro branco tentará regresar ao camiño da vitoria recibindo na sexta xornada do campionato aos lucenses, este sábado 22 a partir das 17:00h.

Tres semanas despois, o Noia Portus Apostoli B volta a xogar no Agustín Mourís, para enfrontarse na xornada 6 da Terceira División ao conxunto do Praias de Barreiros CD. O filial noiés, que caeu derrotado no seu anterior compromiso, acudirá ao encontro coa vitoria entre cella e cella.


Atrás queda o duro envite contra o Carballiño FS, do que os brancosdeben rescatar unha grande primeira metade sobre unha segunda a menos, que lles arrincou a posibilidade de gañar por cuarta xornada seguida e amosou un episodio repetitivo de irregularidade. Aínda así, con nove puntos de quince posibles, o Portus Apostoli B atópase nunha situación clasificatoria envidiable e que supera as expectativas nun equipo tan xoven.


A pesar diso, a diferenza co rival desta fin de semana é de tan só unha unidade. O Praias de Barreiros CD xa suma un cuarto dos puntos que obtivo en todo o curso pasado, dando a ver unha melloría que evidencian os seus resultados. Dúas vitorias, dous empates (o último na xornada anterior, 1-1 ante o Cidade de Narón) e unha derrota ata o momento para os lucenses, que nos dous choques cos nosos do curso pasado víronse superados (6-3 e 1-6), pero nesta ocasión prometen dar guerra.

Este sábado 22 a partir das 17:00h o Noia Portus Apostoli B buscará iniciar unha nova xeira positiva. Con esa misión, os de Palmas autoesixiranse unha exercicio de competitividade e rigor máximos durante os corenta minutos, ademais dun bo fútbol sala.

bottom of page