top of page

PREVIA X7 FILIAL | Outeiro de Rei SD-Noia Portus Apostoli B

Desprázase o filial ata a provincia de Lugo para afrontar a sétima xornada de Liga, na que visitará ao pechacancelas da clasificación co obxectivo de sumar unha nova vitoria.

A piques de alcanzar o ecuador da primeira volta do campionato, o Noia Portus Apostoli B afronta unha nova cita este domingo 30 a partir das 18:15h en Outeiro de Rei, de onde tratará de sacar tres novos puntos que o manteñan na zona alta da táboa.


Co triunfo da pasada xornada ante o Praias de Barreiros CD, os filialistas subiron ata o terceiro lugar con 12 puntos de 18 posibles. Nunha Terceira División na que cada equipo sigue buscando sitio, os noieses continúan empeñados en que o seu estea o máis arriba posible durante a maior parte do curso.


Situación moi diferente atravesa o rival dos brancos deste domingo. Pechacancelas da clasificación cun só punto, obtido nun empate co 5 Coruña FS, o Outeiro de Rei SD precisa canto antes comezar a sumar para non quedar atrás nesa última praza. Facerse fortes como locais sería un dos primeiros pasos naturais, cunha oportunidade para facelo esta fin de semana.


A priori, polo que reflexan os postos e os números, o Portus Apostoli chegará ao Municipal de Outeiro de Rei como favorito. Mais non existen as confianzas para os de Palmas, conscientes de que o camiño á quinta vitoria da temporada estará en xogar como nos trinta últimos minutos do choque contra o Praias de Barreiros CD en lugar dos dez primeiros.

bottom of page