O cadro noiés afronta a oitava xornada do campionato recibindo ao CD Beade este domingo 6 a partir das 17:00h no Municipal Agustín Mourís.
Sen freos continúa a Terceira División, que este 6 de novembro a partir das 17:00h depara ao Noia Portus Apostoli B, en encontro da xornada 8, un enfrontamento contra o CD Beade MVMB Copefri no Agustín Mourís.
Os noieses, unha das sensacións deste inicio de curso, tratarán de conseguir a súa terceira vitoria consecutiva no cara a cara fronte o penúltimo clasificado da táboa, unha semana despois de vencer ao colista Outeiro de Rei SD por 3-7. En duelos así, só os tres puntos lle serven aos de Palmas para manterse, polo menos, na terceira praza que ostentan actualmente.
Con 2 puntos de 21 posibles, non está sendo o comezo de curso desexado polo CD Beade, que sufre especialmente na súa condición de visitante. O 0-1 co que perderon na xornada anterior en Narón é o mellor resultado colleitado polos da provincia de Vigo lonxe do seu pavillón, onde si lograron sendos empates contra ED Vigo 2015 (4-4) e Sport Sala FS (2-2).
Partidos para seguir avanzando na idea de xogo e, por riba de todo, seguir gañando para non desengancharse da parte alta da táboa. Niso pensa un Portus Apostoli B inmerso nunha línea ascendente que deles mesmos depende continuar prolongando.
Comments