top of page

PREVIA X9 FILIAL | Redondela FS Maramar-Noia Portus Apostoli B

O filial visita ao conxunto redondelano este sábado 12 a partir das 19:00h, en encontro da Xornada 9 da Terceira División.

Soamente pensando na vitoria. Non se quere permitir máis tropezos, e menos consecutivos, o Noia Portus Apostoli B, despois do seu empate da pasada xornada ante o CD Beade MVMB Copefri. Nesa ocasión, o rival era o penúltimo da táboa. Este sábado ás 19:00h, os brancos visitan ao antepenúltimo, o Redondela FS Maramar.


Faltos de finura e moi espesos, aos noieses quedoulles claro que unha mala tarde pode pasar factura contra calquera equipo nesta igualada Terceira División, no choque en Noia contra o CD Beade, finalizado con marcador de 2-2. Lección aprendida para os de Palmas, que saben que deixar escapar puntos esta xornada significaría baixarse desa fantástica terceira posición, con 16 puntos, que ocupan agora mesmo.


Con só unha vitoria e un empate como resultados positivos en oito partidos, o Redondela FS Maramar chega a este partido coa ambición de cambiar a dinámica e sacar a cabeza da zona baixa. Coas bazas de tentar aproveitar as posibles dúbidas noiesas e do precedente do triunfo na súa pista ante o Pazos de Borbén, segundo clasificado, por 4-1, os redondelanos confían nas súas posibilidades de sacar o máis tres.


Preséntase este sábado ás 19:00h, por tanto, un duelo para medir a madurez e a responsabilidade noiesas, ante un rival, a priori, do mesmo perfil co que cederon dous puntos o pasado domingo. Tamén de similar co que hai dúas semanas lograron os tres. Cun Portus Apostoli B que se pareza máis a este último, o triunfo estará máis preto de Noia.

bottom of page