top of page

PREVIA X16 FILIAL | SD Pazos de Borbén FS-Noia Portus Apostoli FS

O cadro noiés visitará ao segundo clasificado, este sábado 14 a partir das 19:30h, para comezar a segunda volta ligueira.

Novo e esixente compromiso para o Noia Portus Apostoli B, que dará arranque á segunda volta do campionato ligueiro da Terceira División na cancha do SD Pazos de Borbén FS, segundo clasificado.


Non chega esta cita no mellor momento en canto a resultados para o filial, que acumula tres derrotas consecutivas por primeira vez na temporada, unha xeira que os fixo descender ata a novena praza con 20 puntos. A irregularidade competitiva e, sobre todo, a falta de gol están custando caro nunha categoría igualada e competida.


Dous ingredientes claves nos que mellorar e nos que incidir se o filial quere dar a sorpresa contra, casualmente, o rival do primeiro equipo noiés nos vindeiros cuartos de final da Copa Galicia. Xa no encontro do Agustín Mourís da xornada 1, os pacenses deixaron claras probas do que irían a demostrar no discurso da Liga. E é que, a pesar da gran actuación do Portus Apostoli B, os vermellos conseguiron levar dese choque os tres puntos por un resultado de 1-4.


Desde aquela, tan só cederon puntos en catro partidos, cifras que valen para ocupar o segundo posto da táboa clasificatoria con 34 puntos, seis menos que o líder SD Xove FS e tres máis que o terceiro, o Stellae FS. No seu último compromiso, disputado a pasada fin de semana, o Pazos superou por 5-1 ao Cidade de Narón.


Coa baixa segura de Lucho por sanción como outra nota negativa que deixou o duelo da última xornada en Vigo, os brancos acudirán este sábado 14 ás 19:30h a Pazos coa obriga de completar un partido serio, disciplinado e con acerto de cara a portería se queren volver a sumar e, por que non, agarrarse a unha zona alta da clasificación que corre perigo de alonxarse.

Comments


bottom of page