top of page

PREVIA X18 FILIAL | 5 Coruña FS-Noia Portus Apostoli B

O cadro filial visita A Coruña este domingo ás 19:30h coa intención de sumar o seu segundo triunfo consecutivo.

Obxectivo iniciar unha xeira positiva para o Noia Portus Apostoli B esta fin de semana na visita a outro dos equipos xóvenes da categoría, un 5 Coruña FS situado tan só un punto diante dos noieses na clasificación.


Co triunfo en Noia diante do Sport Sala FS, os de Palmas romperon a semana pasada unha serie de tres derrotas consecutivas, aínda coa incertidume de coñecer a resolución do partido aprazado en Pazos oito días atrás. 8º con 23 puntos, os brancos sitúanse entre os mellores colocados dunha zona media encabezada polo ED Vigo 2015, con 25 puntos, e seguida polos rivais do Portus Apostoli nesta xornada 18.


Un cadro cun perfil de xogadores similar e unha folla de resultados case idéntica aos nosos representan ao 5 Coruña FS, un equipo recoñecible polo seu bo trato de balón e competitividade. Despois de terminar 2022 con tres derrotas seguidas, os coruñeses suman en 2023 seis dos últimos nove puntos posibles, sendo o triunfo en Narón por 2-3 o último partido antes do duelo cos noieses.


Este domingo 29 ás 19:30h no Pavillón San Francisco Javier son o día, hora e lugar escollidos para que vermellos e brancos se vexan as caras nun duelo que promete emoción, igualdade e bo fútbol sala, o que sucedeu nunha primeira volta na que os noieses saíron vencedores por 3-2.

bottom of page