Os noieses buscarán convertir as seis en sete esta fin de semana en Guitiriz, na 18ª xornada da Preferente Autonómica – Grupo Norte (sábado 1 de febreiro, Municipal de Guitiriz, 20:00 horas).
Non hai outro obxectivo na mente do Noia Portus Apostoli B que non pase por lograr os tres puntos por sétima xornada consecutiva. O cadro filialista é consciente de que, se quere loitar polo máximo posible, non se pode permitir ningún tropezo máis, seguindo polo encontro desta fin de semana ante o Restaurante O Korreo Guitiriz FS.
O rival dos noieses desta 18ª xornada ocupa a 13ª praza con 10 puntos, tan só un por riba do descenso, con tan só tres vitorias no seu casilleiro. Dous deses triunfos logrounos o cadro guitiricense como local, precisamente co último encontro na casa conseguindo os tres puntos.
De novo un rival con ambicións moi distintas ás dos noieses, pero “non podemos confiarnos”, esta vez en palabras de David Agraso, é a consigna unha vez máis. “Temos que pelexar ata o último minuto”, amplía David, consciente de que os rivais “tamén van ir a por todo para alonxar os postos de descenso”.
El e máis os seus compañeiros manteñen un estado de ánimo “moi alto” e “con confianza” a nivel colectivo e individual, produto das seis vitorias consecutivas coas que están vendo que “podemos conseguir pelexar polo ascenso”, sentimento que se alimenta con “cada resultado positivo que estamos sacando”.
Aspecto que se está notando sobre todo fóra da casa, onde antes custaba gañar pero agora son xa tres triunfos seguidos en condición de visitante. “No momento no que estamos cada partido conta”, afirma David, “e temos que seguir sumando puntos custe o que custe, por iso é tan importante facer puntos fóra da casa”.
Só niso pensa un cadro filialista practicamente en plenas condicións para afrontar este encontro da 18ª xornada ligueira, a partir das 20:00 horas, no Municipal de Guitiriz.
Comments