top of page

Segundas partes a veces tamén son boas (2-10)

Nunha segunda metade de ensoño, o Noia Portus Apostoli B logrou a súa cuarta vitoria consecutiva.


O filial branco logrou a súa cuarta vitoria consecutiva na Preferente Autonómica – Grupo Norte, nun partido en Quiroga co que pechou de forma plácida e contundente a primeira volta da competición e coa que abriu de mesma maneira o ano 2020.


E iso que na primeira metade semellaba que o conto non sería tan positivo para os noieses, que a pesar de contar con certas ocasións para inaugurar o seu marcador, non o conseguiron.

Ademais, o electrónico do Municipal de Quiroga marcaba desventaxa para os noieses, que encaixaban no minuto 12 o 1-0 por parte de Pablo Dosouto. Con ese curto resultado e cos brancos intentando establecer de novo o empate, chegábase a vestiarios.


Descanso, Covirán Quiroga FS 1-0 Noia Portus Apostoli B


Un espellismo comparado co visto na segunda metade na vila lucense. No 24’, co gol de Álex Naranjo, os de “Juve” nivelaron de novo o partido, e nese momento comezou unha avalancha de dez goles máis en catorce minutos, nove para o bando noiés.


Unha vez máis Álex Naranjo, Rafa, Loren por partida cuádruple, Iago por doble e Diego Pérez, capitán na tarde deste sábado, fixeron circunstancial o tanto de Marcos Delgado para os locais, levando os tres puntos de volta para Noia cunha actuación e unha eficacia formidable nos segundos vinte minutos de xogo.


Final do partido, Covirán Quiroga FS 2-10 Noia Portus Apostoli B


Coa derrota do Pontedeume, o Noia Portus Apostoli B chega ao ecuador da competición igualándoo na táboa polo cuarto posto con 27 puntos, o que os coloca na praza inmediatamente seguinte aos lugares que dan opción ao ascenso a Terceira División, e con vinte unidades sobre o descenso. Posición privilexiada que tentarán reforzar a próxima semana, na visita ao Alto do Vento FS, 14º clasificado con oito puntos.


Ficha técnica:


Covirán Quiroga FS: Diego Vázquez (p), Pablo Dosouto, Carlos Macía, Carlos González e Christian Rodríguez. Tamén xogaron Andrés Campo, Francisco Rodríguez, Marcos Delgado e Saúl Fernández.


Noia Portus Apostoli B: “Chaky” (p), Diego Pérez (c), Álvaro, Álex Naranjo e Loren. Tamén xogaron Martín Oliveira (p), Bruno, Iago, David Agraso e Rafa.


Goles: 1-0 Pablo Dosouto (12’), 1-1 Álex Naranjo (24’), 1-2 Álex Naranjo (27’), 1-3 Rafa (29’), 1-4 Loren (31’), 1-5 Iago (32’), 2-5 Marcos Delgado (33’), 2-6 Iago (34’), 2-7 Loren (35’), 2-8 Loren (36’), 2-9 Loren (37’), 2-10 Diego Pérez (38’).


Os colexiados amonestaron con cartón amarelo aos locais Saúl Fernández (13’) e Christian Rodríguez (32’).

bottom of page