Contra vento e marea tivo que loitar o Noia Portus Apostoli B un empate en Pontedeume que o deixa como estaba na clasificación, mais reafirma a unión dos seus compoñentes.
Vistas as aspiracións e o que desexaban facer os noieses no Pavillón de A Casqueira, pode soar a un empate agridoce que erosiona aínda máis as opcións de loitar polo ascenso de categoría ou que non os devolveu á senda da vitoria. Mais o reflexado na pista en Pontedeume vai máis aló diso.
Lastrados polas lesións e as ausencias, as molestias de Manu Lorenzo e a lesión cedo no partido de Adrián deixaban aos de “Juve” con tan só seis xogadores de pista para practicamente todo o encontro, o que ía a recorrer un grande esforzo para sacar beneficio de Pontedeume.
Nos primeiros compases do xogo foron os locais quen, pouco a pouco, se foron impoñendo en canto ao dominio do partido. Co control do esférico, facían traballar en defensa ao cadro filialista durante un largo tempo.
O empuxe do FS Pontedeume acabou concedéndolles o premio do gol, firmado por Francisco Seijas no minuto sete, ao desviar o disparo dun compañeiro á rede, confundindo así os intentos de Richi de deter o lanzamento.
Non foi ata o momento dun tempo morto solicitado por “Juve” cando os visitantes se comezaron a soltar algo máis na fase atacante, na que semellaban faltos de frescura e de confianza e recluidos ás xogadas rápidas e ao balón parado. Unha melloría que confirmarían coa introducción, a un minuto do descanso, do porteiro-xogador.
David vestía a camiseta coa que os noieses contaron con dúas chegadas que deixaban ver o paso adiante dos brancos e as súas intencións de cara a unha longa segunda metade de partido.
Descanso, FS Pontedeume 1-0 Noia Portus Apostoli B
Vista a comodidade coa que se sentiran os noieses co xogo de cinco, así saíron tamén na reanudación, con Iago neste caso lucindo a camiseta de porteiro-xogador en busca do tanto do empate.
Tivo que insistir e insistir o Noia Portus Apostoli B para acabar conseguindo recompensa. Nun balón solto, Rafa facíase con el e enviábao ao fondo da rede cun preciso disparo que devolvía, no minuto 27, as esperanzas aos seus.
A diana animou máis a uns xogadores que o daban todo en cada acción en beneficio do grupo, e supuxo un golpe importante para un FS Pontedeume que quizais non se agardaba verse nesa situación despois do gol inicial.
A peor irían as cousas para os locais cando un balón alto quedaba sen dono na área, o que aproveitaba David Agraso para poñer por diante ao seu conxunto e facer estalar de alegría ao banco noiés, aínda con dez minutos por diante.
Seguiron sendo os seguintes bos minutos para o Noia Portus Apostoli B, incluso con Iago contando nas súas botas cunha clara ocasión ao contragolpe, mais o balón íase alto. Porén, non todo eran boas novas para os brancos, que vían o seu casilleiro de faltas engordar, antes protestas do banco visitante, que consideraba inxustas as sancións arbitrais.
Na que ocasiounou a sexta falta e un dez metros favorable ao FS Pontedeume, “Juve” vería a segunda amarela, quedando a uns seis minutos do final o seu equipo tamén sen a figura do adestrador presente. Afortunadamente para os intereses dos seus, o disparo dos visitantes estrelábase no largueiro e deixaba a ocasión en nada.
A actuación branca continou a ser de auténtica garra e confianza defensiva ante os intentos duns locais empeñados en volver a nivelar o choque. Só un erro se cometeu, e neste deporte no que so fallos custan caro, sería o que, a tres minutos do final, suporía o 2-2. Daniel Seijas aproveitaba unha saída en falso para anotar a porta baleira o empate.
Momento para que os noieses, de novo, optaran polo porteiro-xogador para ir a polo triunfo. Por desgraza, e a pesar das oportunidades, non chegaría, así como tampouco pola outra banda, condenando o envite a un empate.
Final do partido, FS Pontedeume 2-2 Noia Portus Apostoli B
Un punto máis no casilleiro pero, sobre todo, o reforzo dun equipo que cando o dá todo polo compañeiro, aínda a pesar de verse lastrados por baixas e demais, pode sacalo adiante. O próximo encontro, para o que “Juve” agarda recuperar efectivos, enfrontará aos brancos co 5 Coruña no Agustín Mourís o próximo fin de semana.
Ficha técnica:
FS Pontedeume: Diego Rodríguez (p), José Carpente, Rubén Rico, Pablo Vázquez, Aarón Rodríguez. Tamén xogaron Daniel Seijas, Francisco Seijas e Marcos Cabana.
Noia Portus Apostoli B: Richi (p), Álvaro, Bruno, Iago e Rafa. Tamén xogaron Adrián e David.
Goles: 1-0 Francisco Seijas (7’), 1-1 Rafa (27’), 1-2 David Agraso (28’), 2-2 Daniel Seijas (37’).
Os colexiados amonestaron con cartón amarelo aos locais Diego Rodríguez (15’) e José Carpente (35’) e aos visitantes Rafa (22’), Álvaro (25’), David Agraso (28’) e Iago (36’).
留言