-Viaxa o filial branco á provincia de Pontevedra coa opción de lograr matematicamente a salvación e a ambición de manterse nos primeiros postos da táboa.
-Partido que comezará a partir das 16:30 do sábado 10 de abril no Pavillón Central As Traviesas de Vigo.
Despois de dúas semanas de parón e a falta de catro partidos de finalizar esta fase, o Portus Apostoli B volve á competición diante do Vigo 2015 FS coa oportunidade de terminar por definir a súa meta primaria do curso: manter a categoría.
A grandísima temporada dos rapaces de Daniel Ventoso pode ter premio con amplo marxe de xornadas se saen do Pavillón Central As Traviesas de Vigo cos tres puntos, ou en caso oposto se a próxima xornada o ADFS Bueu non logra gañar o seu encontro.
Porén, os noieses só pensan na primeira das vías, xa que froito do seu rendemento, sitúanse nunha posición privilexiada para alzarse co primeiro posto do Grupo B da Terceira División e da que non se queren desprender.
Actualmente segundos a un punto dun Ganomagoga IES Coruxo con dous partidos máis disputados, os brancos visitan a un Vigo 2015 FS que chega despois dunha derrota a mans do Carballiño FS, pero que nas anteriores catro xornadas conseguira sumar, amosando unha mellora que o mantén con certas opcións de seguir loitando polos catro primeiros postos que dan a salvación, algo que pasa por gañar este sábado.
Por facelo por sexta semana consecutiva para un Noia Portus Apostoli B que, aínda que soñando con cousas maiores, sigue cos pés na terra e a mente en ir cumprindo paso a paso as metas interpostas a comezos de campaña.
Comments